8M | Ribadumia homenaxeará este domingo a seis mulleres da vila

O Salnés
10 de marzo 2023

As mulleres homenaxeadas serán María Noelía Martínez Pesqueira, que é Policía Local; Silvia Martínez Mougán, taxista; María Carmen Prado Abal, que traballou nunha empresa de formigón, no sector da carpintería, nun camión e montando escenarios de orquestras; Luz Divina Cacabelos Castro, condutora de autobús; Lucía Cacabelos Moraña, condutora de autobús; e Dolores Abuín Martínez, profesora e primeira alcaldesa de Ribadumia da democracia  

Cartaz da homenaxe ás mulleres de Ribadumia Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia conmemorará o Día Internacional da Muller a través da celebración dunha gala en homenaxe ás mulleres da vila. O evento terá lugar este domingo 12 de marzo no Auditorio Municipal a partir das 19:00 horas con entrada de balde.

O tema elexido este ano serán as profesións das mullleres do municipio baixo o nome 'Mulleres abrindo camiño', facendo referencia a todas esas mulleres que se quixeron dedicar a profesións que, tradicionalmente, estaban desenvolvidas por homes.

As mulleres homenaxeadas serán María Noelía Martínez Pesqueira, que é Policía Local; Silvia Martínez Mougán, taxista; María Carmen Prado Abal, que traballou nunha empresa de formigón, no sector da carpintería, nun camión e montando escenarios de orquestras; Luz Divina Cacabelos Castro, condutora de autobús; Lucía Cacabelos Moraña, condutora de autobús; e Dolores Abuín Martínez, profesora e primeira alcaldesa de Ribadumia da democracia.

Posteriormente, actuará o grupo Matrioshka Teatro, que interpretará a obra 'Comando comadres', un espectáculo en clave de humor onde tres activistas organizadas por comandos atacan as múltiples manifestacións da violencia sexista, cuestionando tamén a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. Trátase dunha homenaxe a tódalas heroínas de a diario, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do noso pasado. A creación recibiu, entre outros, dous premios María Casares no ano 2022.

Desde Concello de Ribadumia animan a todo o público que queira asistir a esta gala homenaxe na que "conmemoraremos este día tan especial e faremos unha reflexión e unha reivindicación da importancia que ten este día na nosa sociedade e na vida cotiá".