O 8M de Soutomaior, un recoñecemento á figura da matrona con concerto de Guadi Galego incluído

Soutomaior
27 de febreiro 2025

O día 14 terá lugar un faladoiro e a entrega do premio 'María a das mil flores' a Marisol Santomé Portela, matrona de Arcade dende o 2004 ao 2022. A programacion leva por lema 'Matronalia 8M'

Marga Taboada, Rosana Martinez, Cristina Garcia e Nuria Vilalta
Marga Taboada, Rosana Martinez, Cristina Garcia e Nuria Vilalta / Concello de Soutomaior

'Matronalia 8M'. Baixo este paraugas, o Concello de Soutomaior deseñou a programación para a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. 

Neste ocasión, a campaña municipal pon o foco na visibilización e recoñecemento da figura da matrona, unhas profesionais das que o Concello sinala que foron "as primeiras feministas sen voz da historia".

Matronalia é, na relixión romana antiga, a festa que celebraba na honra de Juno Lucila, a deusa do parto, da maternidade e das mulleres en xeral. 

A concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa; a directora do CIM, Cristina García; a Técnica de Igualdade, Marga Taboada; e a Educadora Familiar, Nuria Vilalta, presentaron este xoves a programación do 8M para este 2025.

Unha das citas principais será o concerto de Guadi Galego, co seu espectáculo Horizonte, programado para o venres 7 de marzo ás 21:00 horas do multiusos de Arcade.

O concerto será de balde previa recollida de entradas o luns 3 de marzo en horario de mañá no Concello (de 9:00 a 14:00 horas) e de tarde no multiusos (de 19:00 a 21:00).

Poderán retirarse un máximo de dúas entradas por persoa e as entradas que non se adquiran nesa xornada poderán ser retiradas o día do concerto de 20:00 a 20:30 horas.

Para recoñecer o traballo das matronas, o venres 14 haberá unha cita dobre.

Ás 20.00 horas está organizada no multiusos de Arcade o faladoiro 'Improntas feministas', coordinado por Paula Conde López, actual matrona de atención primaria no centro de saúde de Arcade. Contará coa participación de AGAM Asociación Galega de Matronas e abordará o rol destas profesionais ao longo da historia e as súas achegas á loita feminista.

A continuación, entregarase o recoñecemento municipal 'María a das mil flores', que este ano se entregará, por acordo da Consello feminista municipal, a Marisol Santomé Portela, matrona de Arcade entre 2004 e 2022, pola súa achega comunitaria á vida de tantas mulleres do municipio.

Dentro da filosofía municipal de visibilizar o traballo das artistas galegas destacadas no campo da ilustración e as artes plásticas, este 2025, Abi Castillo é a responsable do deseño da ilustración do 8M.