A Deputación de Pontevedra porá en marcha o programa Erasmus+ 2025, un proxecto de mobilidade europea que permitirá a 84 alumnos de Formación Profesional realizar prácticas laborais en empresas e institucións de países da Unión Europea.
A iniciativa conta cun investimento de preto de 930.000 euros, dos cales 728.000 proceden dunha axuda do SEPIE e os 200.000 restantes son fondos propios da Deputación.
O presidente provincial, Luis López, informou da aprobación deste proxecto en Xunta de Goberno, destacando o seu obxectivo de "completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais no estranxeiro".
López subliñou o reto demográfico da provincia e a súa aposta por que "estas mobilidades sexan unha etapa nas súas vidas onde viaxen, se formen, aprendan e se desenvolvan no mundo, e que unha vez teñan aprendido poidan regresar á provincia para poñer á nosa disposición o seu talento e que o seu proxecto de vida estea aquí".
Ademais dos alumnos, outros 14 docentes e persoal de FP terán a opción de realizar mobilidades de aprendizaxe por observación cunha duración aproximada dunha semana. As estadías dos alumnos terán unha duración de arredor de seis meses.
O programa Erasmus+ 2025, cunha duración de 15 meses (extensible a 24), permitirá aos participantes realizar estancias en países como Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, os Países Baixos, Polonia, Portugal ou Romanía, así como calquera outro incluído no Erasmus+.
Para a xestión desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra conta cun consorcio de mobilidade formado por 43 centros de ensino de 24 concellos da provincia, "catro máis que no consorcio do proxecto anterior", segundo destacou Luis López.
A Deputación encargarase das xestións relativas á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas e á contratación dos seguros, unha vez que os centros fagan a selección do alumnado.