A adega Ardán faise co ouro e o bronce na cata da IXP Ribeiras do Morrazo da Festa do Viño de Vilaboa

Vilaboa
06 de maio 2023

No concurso de colleiteiros os premios aos mellores brancos foron para Casa Cañoteira, Casa da Torre e Manuel Collazo

Festa do Viño de Vilaboa
Festa do Viño de Vilaboa / Concello de Vilaboa

A adega Ardán resultou a gañadora da cata da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo celebrada este sábado na X edición da Festa do Viño de Vilaboa. 

Na categoría de brancos presentou dos viños, conseguindo o Ouro e o Bronce; a Prata recaeu na adega Mosteiro de Poio que tamén se fixo cun Bronce na categoría de Tinto. Nesta variedade o Ouro foise para os Areeiros e a Prata para Ardán.

Na cata dos colleiterios o Primeiro Mellor Viño tinto foi para Martín Casa Cañoteira; o Segundo para Jesús Amoedo Casa da Torre e o Terceiro para Manuel Collazo mentras que nos brancos o Primeiro foi Elisa Casa Boullosa, o segundo Manuel Collazo e o terceiro Manuel Conde.

En total o xurado, composto por cinco profesionais do sector do viño, evaluou a calidade de 6 brancos e 6 tintos de colleiteiros e 4 brancos e 3 tintos de adegas, que poderán ser degustados polo público en xeral ata ás 17 horas deste domingo.

O goberno local agradece especialmente a colaboración de José Manuel Fernández Castro, do Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria da Consellería de Medio Rural pola súa aportación ao correcto desenvolvemento destas catas, organizadas para poñer en valor a calidade dos caldos locais.

Xunto á degustación dos viños locais, moi dinámica neste primeiro tramo da Festa, o evento completouse coa presenza dun posto de comida no que xa ao mediodía se despacharon un importante número de racións de polbo e churrasco; proposta gastronómica que está complementada pola Pastelería O Laranxo, presente tamén nesta Festa na que ademáis de dulces ofrece racións de empanada de trigo e de millo. 

As palilleiras de Vilaboa completan tamén a oferta cultural deste evento, chamando a atención do público co seu traballo artesano e a exposición de traballos que ofrecen dentro da carpa; xunta a elas están outros artesanos de Vilaboa coas súas pezas e propostas.

Tralo concerto de Milladoiro, a programación continúa na xornada do domingo coa apertura das casetas de 12 a 17 horas e a actuación do grupo de gaitas "Aires de Cobres" ás 12.30 horas.