Chega a terceira edición da Festa do Mar de Vilaboa. A cita gastronómica será a fin de semana do 13 e 14 de abril, xusto cando a ameixa e o mexillón presente o seu mellor momento para o consumo, afirmaba este venres Carmen Gallego, a concelleira de Dinamización de Vilaboa, acompañada polo alcalde César Poza na presentación do evento, que se celebrará nas proximidades do porto.
Nesta ocasión, a promoción gastronómica dos produtos do mar atoparase unida a un potente programa musical, ademais de actividades infantís que busca atraer ao público familiar coas actuacións da Banda de Gaitas e Baile Aires de Cobres, Fanfarria Taquekardia e Os Bregadiers.
Os restaurantes A Casa de Rosa de Mazaroca, Casa Aurelia, A Garboa e Panadería Pastelería Os Laranxos colaboran na elaboración das tapas que se servirán durante a cita. O Bar Chancho completará a oferta culinaria. Manteranse os mesmos prezos de 2023. A ameixa ofrecerá un prezo de seis euros, cinco a tapa de choco e 3,5 o mexillón.
A principal novidade entre os produtos para degustar será a cornicha, unha ameixa con cuncha de forma oval-triangular, que presenta estrías e que se pode elaborar á prancha, ao vapor ou á mariñeira.
Precisamente, a celebración da Festa do Mar coincide coas mareas vivas, que favorecen o traballo de mariscadoras e bateeiras, segundo informa o Concello de Vilaboa.
Haberá maridaxe dos produtos do mar con viños da IXP Ribeiras do Morrazo, representados polas adegas Vos Areeiros e Ardán.
Outra das novidades será a cata cun xurado integrado por mariscadoras e bateeiras que concederán tres premios: ao mellor sabor, á innovación e á mellor presentación.
César Poza e Carmen Gallego animan á cidadanía para participar nestas dúas xornadas dunha festa que xa se atopa consolidada e que conta con maior aceptación cada ano.