A AECC saé ás rúas para que se investigue máis e aumentar a supervivencia en cancro

Pontevedra
09 de maio 2024

Este xoves 9 de maio, Día da Cuestación, a Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra sae á rúa para pedir a colaboración da sociedade 

A AECC realiza o seu tradicional peditorio
A AECC realiza o seu tradicional peditorio / Mónica Patxot - Arquivo

A Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra sae á rúa este xoves xunto a pacientes, voluntariado e socios no seu tradicional Peditorio para pedir a colaboración de toda a sociedade co obxectivo de impulsar a investigación en cancro, superar o 70% de supervivencia e seguir prestando servizos de apoio e acompañamento ás persoas con cancro e as súas familias.

O cancro é o problema sociosanitario máis importante do mundo. 1 de cada 2 homes e 1 de cada 3 mulleres terá cancro ao longo da súa vida. En España hai un diagnóstico de cancro cada 2 minutos e calcúlase que para o 2030 haberá máis de 317.000 casos novos.

A Asociación Española Contra o Cancro lidera a iniciativa “Todos contra o cancro” co obxectivo de superar o 70% de supervivencia en 2030. Actualmente, grazas á investigación, a taxa de supervivencia en homes é do 55,3% e en mulleres do 61,7%.

A tradicional "cuestación" conta este ano cun total de 24 mesas repartidas pola Boa Vila e cun total de 244 persoas, entre voluntarias, persoal da Asociación e colaboradores habituais como a BRILAT, a Asociación Amencer-ASPACE, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra e os colexios Doroteas, SEK, Los Sauces, Sagrado Corazón, CPI Mosteiro de Meis e o Juan Sebastián Elcano.