A agricultura ecolóxica adéntrase na cidade a través das hortas dos Gafos

Pontevedra
03 de maio 2015

Comezan as xornadas de formación sobre as hortas urbanas e 15 familias e un centro educativo de Pontevedra iniciarán o vindeiro mércores os seus cultivos no espazo que a Federación Castelao cede no Gorgullón para fomentar a agricultura ecolóxica

Terreos onde se atopan as hortas urbanas da Federación de Veciños Castelao
Terreos onde se atopan as hortas urbanas da Federación de Veciños Castelao / Mónica Patxot

15 familias e un centro educativo de Pontevedra terán a partir do próximo martes 5 á súa disposición os terreos das hortas urbanas cunha extensión de corenta metros cadrados para cultivar hortalizas e verduras.

Estas hortas encóntranse xunto ao río Gafos na zona do Gorgullón, na Rúa da Moa, con terreos divididos para que poidan comezar a ser cultivadas a partir do mércores 6 de maio, despois de que os participantes neste proxecto asistan ás xornadas que durante este luns e martes se desenvolven na Federación Castelao a partir das 20.00 horas impartidas por un técnico en horticultura e agricultura ecolóxica.

A asistencia a estas xornadas resulta obrigatoria para poder dispoñer de cada unha das hortas, xa que a asistencia é unha das condicións ou normas para ser beneficiario destas. Nestas charlas daranse nocións básicas sobre sistemas de plantacións ecolóxicas e ao coñecemento dos produtos fitosanitarios que se poden e deben utilizar na agricultura.

A Federación Castelao potencia esta iniciativa como axuda ao ocio e ao entretemento para persoas de avanzada idade e tamén entenden que pode resultar unha axuda á economía social dos adxudicatarios das hortas que poden plantar leitugas, tomates, patacas ou calquera outro produto para o seu consumo doméstico.