A Aixola estende o seu plan formativo con 60 prazas máis en cinco novos cursos gratuítos

Marín
19 de xuño 2021

O Centro de Formación A Aixola porá en marcha cinco novos cursos gratuítos cunha oferta de 60 prazas que se impartirán no segundo semestre de 2021 na súa sede do porto de Marín

Centro de formación A Aixola Concello de Marín

O Centro de Formación A Aixola porá en marcha cinco novos cursos gratuítos cunha oferta de 60 prazas que se impartirán no segundo semestre de 2021 na súa sede do porto de Marín.

A actividade estará dirixida a persoas vencelladas co sector pesqueiro, cónxuxes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector. 

O programa iniciarase nos primeiros días de setembro, cando está previsto o inicio das clases dos cursos de Innovación en madeira. Autoconstrución comeza o 1 de setembro e Velaría e acastillaxe o 9 de setembro, teñen unha duración de 350 horas e 12 prazas cada un deles, e se desenvolverán ata o 15 e o 22 de decembro respectivamente.

O resto dos cursos comezarán tamén en setembro, como o que permitirá a obtención do certificado profesional en confección e mantemento de artes e aparellos, de 330 horas de duración e que se desenvolverá entre o día 6 de setembro e o 14 de decembro.

A nova oferta formativa do centro de formación A Aixola completarase con dous cursos de Instalación eléctrica naval en barcos de pequena potencia e Laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval, os dous de 300 horas de duración e con 12 prazas cada un. O primeiro desenvolverase do 20 de setembro ao 17 de decembro e o segundo do 13 de setembro ao 10 de decembro.

O alumnado destes cursos poderá complementar a súa formación con titorías personalizadas sobre a elaboración de currículos, a busca de emprego a través de internet e a orientación ao autoemprego. A preinscrición para todos os cursos pode facerse a través da páxina web do centro.