A Alameda acollerá a partir do 1 de agosto a oitava edición do Salón de Oportunidades de Marín

Marín
22 de xullo 2014

Sobre unha superficie de 500 metros cadrados, haberá postos dedicados a moda home-muller, moda infantil, óptica, lenzaría, artesanía, complementos do fogar, calzado, deportes, xoiaría, electrodomésticos, complementos para mascotas, plantas ou bixutería

Segundo día de Stock Pontevedra 2014
Segundo día de Stock Pontevedra 2014 / Diego Torrado

Unha carpa situada na Alameda acollerá a partir do venres 1 de agosto a VIII edición do Salón de Oportunidades de Marín (SaldoMarín). Durante os tres días que durará a feira, case unha trintena de expositores, dos cales tres de cada catro son do propio municipio, ofrecerán descontos mínimos dun 50% nos seus produtos.

Sobre unha superficie de 500 metros cadrados, haberá postos dedicados a moda home-muller, moda infantil, óptica, lenzaría, artesanía, complementos do fogar, calzado, deportes, xoiaría, electrodomésticos, complementos para mascotas, plantas ou bixutería.

Ademais, SaldoMarín, organizada pola asociación de comerciantes Estrela de Marín, contará de novo con actividades dirixidas aos máis pequenos, que consistirán na visita dun pallaso á carpa ou un espectáculo de maxia a cargo do Mago Paco.

Como novidade este ano, as compras efectuadas terán premio. Así polas compras de polo menos 10 euros, os clientes recibirán un convite para visitar a exposición "Auga Doce" na Cidade da Cultura. Repartiranse un total de 2.500 convites.

O horario será de 11 a 15 horas e de 18 a 23 horas e a entrada será gratuíta.