A Alameda de Marín acollerá a I Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo

Marín
04 de xullo 2022

Será unha boa oportunidade para coñecer os viños das cinco bodegas que forman parte da indicación xeográfica protexida, os días 8, 9 e 10 de xullo na Alameda

Presentación da I Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo
Presentación da I Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo / Concello de Marín

A Alameda de Marín acollerá esta fin de semana, do 8 ao 10 de xullo, a I Festa dos Viños da IXP Ribeiras do Morrazo, unha cita na que se poderán degustar e catar as distintas variedades que producen a Adega de Ardán, Os Areeiros, Videiras no Mar, Viñas del Monasterio e Reboraina.

Estas son as bodegas que terán unha caseta na festa e que forman parte da asociación montada ao redor desta indicación xeográfica protexida.

Fina Cabaleiro, de Adega de Ardán, presentou este luns a festa acompañada da alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos e Pablo Novas.

Tamén estiveron presentes Guillermo Martínez, de Os Areeiros, e Sergio Fernández, da adega do Mosteiro de Poio. No caso de Ardán, levan desde o 2021 sacando adiante produción vitivinícola, pero é desde o 2018 cando xa o poden facer baixo a IXP.

O obxectivo, tal e como remarcou a alcaldesa, "é que con esta festa os veciños de Marín e todos os que veñan pasar uns días polas nosas festas coñezan estes produtos e, sobre todo, sexan conscientes que aquí tamén temos unha produción importante, de calidade, que se exporta e que acadou un selo gastronómico tan importante como é o da IXP, que só hai cinco en Galicia".

Pola súa banda, os adegueiros afirmaron que o obxectivo é que a festa poida ir rotando nos distintos concellos nos que se asentan as bodegas da IXP.

Fina Cabaleiro quixo "agradecer ao Concello a disposición para poder celebrar esta festa", na que se servirán copas cun prezo único e haberá tamén pulpo, xamón ao corte e moitas sorpresas máis.