A alcaldesa de Marín agarda acadar as axudas europeas para crear un espazo sociocultural

Marín
17 de xaneiro 2016

María Ramallo recoñece que non se pode construír un macroauditorio que sería "imposible de soster" para a vila pero si pensa nun proxecto de centro sociocultural semellante ao doutras vilas co mesmo número de habitantes

Memorial Antonio Fernández 2015 en Marín celebrado no Concello (arquivo)
Memorial Antonio Fernández 2015 en Marín celebrado no Concello (arquivo) /
Marín precisa un centro sociocultural /

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, ten a esperanza de que teña éxito o proxecto solicitado ante o goberno central para poder acceder aos fondos europeos que financien melloras previstas dentro dunha partida destinada a concellos de máis de 20.000 habitantes.

O proxecto presentado ascende a máis de 6.200.000 euros, que se cofinanciarían ao 80 % polos fondos europeos FEDER chegando a cantidade solicitada aos 5 millóns de euros, segundo explicou Ramallo. A estratexia global de Desenvolvemento Urbano presentada ante o goberno central céntrase en resolver carencias que presenta a vila como sucede en melloras de mobilidade urbana ou equipamentos socioculturais e deportivos. 

Dentro de seis meses está previsto que haxa unha resolución e a alcaldesa móstrase optimista coa posibilidade de que se lles conceda esta axuda que vén moi concretada desde a Unión Europea. Céntrase en proxectos de eficiencia enerxética, mellora da administración electrónica, mobilidade ou rebaixa do uso de carbono, explicou a alcaldesa. A petición foi aprobada por todos os grupos políticos da corporación, salvo por Marea que se abstivo.

Un dos proxectos nos que máis insiste María Ramallo é o dun espazo sociocultural do que actualmente carece Marín. Pero aclara que non se pode falar de macroproxectos nin de macroauditorios "que sería imposible de soster", pero polo menos a súa intención é crear un centro cultural como o que teñen outros concellos cun número similar de habitantes.