Os problemas co saneamento da zona norte da Ría de Pontevedra terán por fin unha solución tras anos de discrepancias entre administracións que a tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, define como unha "verdadeira tortura". Un acordo a tres bandas entre os concellos de Poio e Sanxenxo e a sociedade mercantil estatal Augas das Concas de España (Acuaes) permitiu desbloquealo cun proxecto que se prevé que estea terminado en 2023.
A solución chegará a través da ampliación e mellora da actual estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Paxariñas, en Sanxenxo, pero tamén de obras de mellora do emisario de Montalvo e de melloras na rede de saneamento de ambos os municipios.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; a directora xeral de Acuaes, Rosa Cobo; o director técnico de Acuaes, Jerónimo Moreno; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; e o alcalde e a tenente de alcalde de Poio, Luciano Sobral e Chelo Besada, presentaron este mércores na Subdelegación do Goberno os primeiros detalles deste proxecto que permitirá mellorar a depuración de Sanxenxo e Poio.
O proxecto supoñerá un investimento de 24 millóns de euros en dúas fases e xa empezou a dar os seus primeiros pasos. Unha vez que Acuaes e os concellos chegaron a un acordo para desbloquear este problema que levaba anos enquistado, o seguinte avance chegará o próximo 23 de xullo.
O Consello de Administración de Acuaes, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, licitará o estudo de alternativas e a redacción técnica do proxecto, que estarán acompañados da declaración de impacto ambiental. Rosa Covo calcula que nun ano estarán terminados todos eses documentos e que a partir de aí se poidan licitar as obras. A finais de 2021 poderán estar xa en obras e a finais de 2023 as actuacións estarán terminadas.
A directora de Acuaes destacou que este proxecto permitirá mellorar a calidade das augas da Ría de Pontevedra e dar finalmente saneamento a Raxó e Samieira, en Poio. Ademais, dará cumprimento ás esixencias da Unión Europea en materia de verteduras e depuración e permitirá que as verteduras que chegan á Ría de Pontevedra garantan dúas das súas actividades centrais: o marisqueo e o baño nas praias da contorna.
A actuación desenvolverase en dúas fases. A primeira supoñerá un investimento de 17 millóns de euros ao 50% entre fondos europeos e Acuaes e supoñerá ampliar a EDAR de Paxariñas, acometer o tanque de tormentas e o bombeo de Raxó e acondicionar os colectores e bombeos da liña de costa de Sanxenxo. A segunda fase, de 7 millóns de euros, completará os tanques de tormentas e mellorará os alivios.
A EDAR de Paxariñas, que actualmente ten unha capacidade de depuración de 10.800 metros cúbicos por día e para atender a 50.000 habitantes equivalentes, atópase ao límite da súa capacidade no verán, pero esta obra permitirá garantir que non só dea servizo a Sanxenxo con folgura senón tamén que permita o saneamento para os veciños de Raxó e Samieira. A súa capacidade pasará a 20.000 metros cúbicos día e 80.000 habitantes.
Este proxecto de saneamento desbloqueouse despois de que o proxecto de orzamentos xerais do Estado de 2018 declarase a actuación de Interese Xeral do Estado, de modo que Maica Larriba sacou peito sobre o feito de que en menos dun ano o actual Goberno socialista logrou solución para un conflito de anos.
En termos similares expresáronse os representantes municipais de Poio e Sanxenxo. Telmo Martín sinalou que cando o goberno socialista declarouno de Interese Xeral "nos vino Dios a ver" e Chelo Besada cuestionou a actuación ata agora da Xunta de Galicia, administración da que dependeu ata 2018 o proxecto. Nito Sobral animou a "mirar para ou futuro", un futuro que vén marcado pola colaboración entre tres administracións de distinto signo político.
Agora aínda quedan por definir varios detalles como a maneira na que se afrontará o pago dos gastos de explotación de xeito compartido entre os dous concellos ou como se vai financiar a achega de cada un destes municipios para as obras -a un prazo de 25 anos-. Definirase todo antes do inicio das obras, cando se firmará un convenio específico, segundo adiantou Jerónimo Moreno.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.