A nova rede para mellorar o saneamento de Poio e Sanxenxo custará 16 millóns

Poio
23 de decembro 2020

A metade destes cartos, ata 8 millóns, serán achegados por Europa a través do Programa Plurirrexional 2014-2020. O 50% restante, os outros 8 millóns, serán asumidos por Poio e Sanxenxo en función das melloras que se realicen en cada un dos concellos

Raxó
Raxó / Mónica Patxot

Solucionar o tratamento das augas residuais en Raxó e Samieira ou mellorar a EDAR de Paxariñas serán os principais obxectivos do proxecto deseñado pola sociedade estatal Acuaes para resolver os actuais problemas de saneamento en Poio e Sanxenxo.

Os técnicos deste organismo valoraron en 16 millóns de euros o investimento necesario para executar estas obras. A metade destes cartos, ata 8 millóns, serán achegados por Europa a través do Programa Plurirrexional 2014-2020.

O 50% restante, os outros 8 millóns, serán asumidos por Poio e Sanxenxo en función das melloras que se realicen en cada un dos concellos.

Unha vez estean finalizadas as obras, estiman que nun prazo de tres anos, os concellos pagarán o 10% do total. Acuaes adiantará o 40% restante, unha contía que será devolta nun prazo de 25 anos, nunhas condicións moi favorables e cuns intereses moi baixos.

A calidade das augas da ría de Pontevedra será a "gran beneficiada", destacan os dous concellos, grazas a este "histórico acordo" que demostra que o interese xeral, o respecto institucional e as boas relacións entre administracións "están por riba das cores políticas".

Con respecto ás actuacións que figuran no convenio, na fase inicial levarase a cabo a mellora e ampliación da depuradora de Paxariñas en 8.000 metros cadrados, o que practicamente se traduce na construción dunha nova EDAR.

Incorporaranse novos sistemas, que permitirán un aforro enerxético, e un sistema de desodorización para evitar malos cheiros, así como un importante incremento da capacidade de tratamento.

Unha vez a obra estea lista, a instalación estará lista para prestar servizo a unha poboación de 100.000 habitantes.

Outra actuación de gran calado será a execución do novo emisario submarino, de 1.300 metros de lonxitude e 630 milímetros de diámetro, manténdose o tramo terrestre, toda vez que a súa capacidade actual é suficiente, xa conta con eses 630 milímetros.

O proxecto incluirá novos bombeos en Areas, Sanxenxo e O Espiñeiro (Portonovo), unha nova tubaxe de impulsión entre Areas e Nanín ou a substitución de colectores en Portonovo e entre Palacios e Sanxenxo. 

Nunha segunda fase procederase, entre outras actuacións, á adecuación da estación de bombeo e impulsión do Laño, na parroquia de Samieira, así como a mellora do propio sistema de impulsión ata Raxó ou a ampliación do colector na rúa Madrid de Sanxenxo.