A ampliacion do instituto de Caldas, pendente de que o Concello ceda os terreos a Educación

Umia
08 de febreiro 2019

A conselleira de Educación anunciou este venres, durante unha visita ao IES Plurilingüe Aquis Celenis, que o seu departamento ten previsto licitar o proxecto  de ampliación do centro en canto o Concello poña a disposición os terreos necesarios 

Visita da conselleira de Educación ao CPI Alfonso VII de Caldas de Reis
Visita da conselleira de Educación ao CPI Alfonso VII de Caldas de Reis / Xunta de Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou este venres, durante unha visita ao IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, que o seu departamento ten previsto licitar o proxecto  de ampliación do centro en canto o Concello poña a disposición os terreos  necesarios.

O proxecto, que se chegou a valorar en 1,4 millóns de euros, suporñ finalmente un investimento de máis dun millón. Vai supoñer ampliar as instalacións para atender ao incremento de alumnado en ESO e Bacharelato e, segundo deu a coñecer a conselleira, estudarase a posibilidade de implantar a FP Básica en función da demanda existente no concello

A obra consistirá na ampliación para aulas polivalentes de ESO e Bacharelato e na ampliación de aula de música, de debuxo e do salón de actos

A conselleira tamén visitou o CPI Plurilingüe Alfonso VII, na mesma localidade, onde o seu departamento realizou en 2018 unha obra para mellorar a eficiencia enerxética por un importe de adxudicación de case 550.000 euros. Nas dúas visitas estivo acompañada polo alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.

A responsable autonómica de Educación aproveitou a visita para interesarse polos diferentes programas que desenvolven os centros educativos públicos de Caldas.  Desde a Consellería destacan que os dous son plurilingües, que o CPI Alfonso VII conta ademais con sección bilingüe e o instituto participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). Ademais, o Alfonso VII participa no proxecto de libro dixital E-Dixgal e ambos os dous centros desenvolverán este ano contratos-programas que no caso do instituto será ata en cinco liñas de actuación diferentes.

A conselleira visitou tamén o CPI Aurelio Rey García de Cuntis acompañada polo alcalde, Manuel Campos, onde comprobou o resultado das obras de reparación dos danos ocasionados recentemente por unha avaría na subministración de auga.  

Carmen Pomar aproveitou para felicitar a comunidade educativa polo seu traballo para facer deste un centro especialmente activo. Este curso desenvolverá 6 iniciativas diferentes no marco dos contratos-programa, participa en varias accións do Plan Proxecta e conta con seccións bilingües. Ademais, desde o curso 2017/18 forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e do programa de Introdución da Robótica en Primaria.