A Comisión de Facenda do Concello de Poio abordará este mércores a proposta para a modificación da ordenanza fiscal reguladora do servizo de cemiterio, que será levada ao Pleno ordinario deste mes de abril, fixado para o martes 26.
O concelleiro responsable deste departamento, o nacionalista Xulio Barreiro, lembra que este é un paso máis para avanzar na tramitación que se debe completar para facer realidade a ampliación do camposanto municipal, situado na parroquia de San Xoán.
Para facer realidade este proxecto o Concello de Poio ten previsto un investimento de 450.000 euros, que corresponden ao Remanente de Tesourería resultante da liquidación do Orzamento de 2021.
Tal e como recorda o concelleiro de Facenda e Patrimonio, o proxecto xa conta cos pertinentes informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio, así como de Sanidade de Medio Ambiente. "Actualmente estanse a ultimar os detalles dos pliego de condicións e, a partir de aí, xa poderemos iniciar o proceso de licitación", indica Barreiro Lubián, que lembra que a ampliación servirá para que cemiterio municipal pase a contar con preto de medio millar de nichos a maiores.
Parte do investimento destinarase á realización da conexión coas redes de servizos básicos, así como á ampliación do vial. Hai que lembrar que o Concello de Poio adquiriu no seu día tres parcelas situadas nas proximidades do camposanto, a fin de poder acometer a ampliación.
Con respecto á modificación da ordenanza fiscal, Xulio Barreiro fai fincapé na necesidade de revisar as taxas de traspasos de nichos e panteóns, toda vez que as vixentes datan de hai máis de dúas décadas. O edil do Goberno local confirma que as contías que se establecen no cemiterio de Poio neste apartado son "das máis baixas se as comparamos con outros concellos da contorna", unha situación que "seguirá sendo así unha vez se aprobe a modificación da ordenanza".
Neste sentido, o responsable de Facenda e Patrimonio lamentou que "unha vez máis o Partido Popular busque de xeito desesperado provocar tensións entre a nosa veciñanza".
Barreiro lembra que, a pesar do esforzo do grupo da oposición por intentar vender "unha realidade paralela, Poio leva practicamente unha década apostando pola conxelación dos recibos dos servizos básicos, ao que hai que sumar a posta en marcha de bonificacións pioneiras na bisbarra neste 2022, que afectan ao recibo do IBI para familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros ou para instalacións de sistemas de eficiencia enerxética en edificacións de 15 anos de antigüidade".