A Anpa do Álvarez Limeses sostén que Agustín Fernández xa estaba informado das súas reivindicacións

Pontevedra
12 de febreiro 2015

A xunta directiva da Anpa Joaquin Costa do CEIP Álvarez Limeses, emitiu un comunicado de prensa no que replica as declaracións do concelleiro de educación, Agustín Fernández

Visita do concelleiro de educación ao colexio Álvarez Limeses
Visita do concelleiro de educación ao colexio Álvarez Limeses / IMD

A xunta directiva da Anpa Joaquin Costa do CEIP Álvarez Limeses, emitiu un comunicado de prensa no que replica as declaracións do concelleiro de Educación, Agustín Fernández, sinalando que o edil foi informado "a comezos do curso 2011-2012, en setembro ou outubro" das reivindicacións da Anpa sobre a "limpeza insuficiente do centro escolar e inexistente do comedor escolar", así como o proxecto de esta Anpa de solicitar a casa abandonada de titularidade municipal situada no número 11 da rúa Joaquín Costa.

Ademáis dende a Anpa sinalan que para eles "o de menos é a contía da subvención recibida polas actividades que desenvolvemos durante o curso" pero cren que "unhas bases reguladoras conforme a normativa vixente, cumprindo a Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño de 2007), levaría a un proceso máis claro e transparente". O que suporía, ao seu xuízo, que moitas outras Anpas poderían optar a un montante superior na axuda "pois presentarían a documentación exacta acorde coas bases e sen ter que ⿿agardar⿿ por criterios subxectivos de adxudicación e de ponderación descoñecidos".

Respecto ás manifestacións de Agustín Fernández nas que lembraba que esta asociación de pais non se queixou das bases de subvencións de anos anteriores, a Anpa do Álvarez Limeses remite ao edil socialista a outro recurso anterior presentado no curso 2012-2013 no que "xa faciamos referencia a diversas irregularidades nas bases. Recurso que non foi contestado".

No tocante as declaracións do concelleiro nas que manifesta que "había un error en la documentación que presentaron", dende a Anpa Álvarez Limeses din que en ningún momento a súa solicitude contiña "un error nas cantidades ao non cadrar as facturas", e precisan que as facturas "están correctas e co seu xustificante de transferencia bancaria, o único que existiu foi un erro tipográfico no anexo da solicitude".

No comunicado a Anpa declárase sorprendida polo feito de que o concelleiro diga que non estiveron en contacto con el, "pois estes anos foron numerosas as veces que reclamamos tanto dende a Anpa como dende a dirección do colexio a solución dos problemas. De aí que tomaramos a decisión de presentar as peticións por escrito".

Finalmente, seu comunicado a asociación de país engade "temos que recoñecer que o señor concelleiro ten unha magnifica idea propoñendo que sexan as persoas e neste caso particular Anpas que utilizan os espazos públicos, quen deban facer a limpeza dos mesmos. Propoñemos que se faga extensiva a todos os recintos municipais, colexios, edificios, parques e rúas, e así conseguirá un grande aforro para o Concello, pois cada quen so terá que limpar o espazo que utilice e o Concello quedará liberado de contratar servizo de limpeza".