A ANPA do Colexio Froebel alerta dos riscos que presentan as instalacións para os escolares

Pontevedra
12 de maio 2015

A Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Colexio Froebel convocou á comunidade escolar a unha reunión o próximo 26 de maio para analizar a situación na que se encontra o centro e decidir se inician medidas de presión para demandar que se acometan as obras de mellora das instalacións

Instalacións en malas condicións do Colexio Froebel
Instalacións en malas condicións do Colexio Froebel

A Asociación de Nais e Pais (ANPA) do Colexio Froebel convocou á comunidade escolar a unha reunión o próximo 26 de maio para analizar a situación na que se encontra o centro e decidir se inician medidas de presión para demandar que se acometan as obras de mellora das instalacións.

Sinalan que a Fase C das obras están en suspenso "sine die", segundo lles explicou o Xefe Territorial de Educación, César Pérez, ao director e a representantes da ANPA nunha reunión celebrada en abril. Dende a comunidade escolar denuncian que o tellado que cobre o patio do centro se encontra cheo de parches que, cando rompen, permite que a auga coe e inunde o recinto no que o alumnado fai Educación Física e vai ao recreo.

O falso teito do patio está, segundo expoñen, nun estado malo xa que é de cortiza e unha vez se molla vaise podrecendo pouco a pouco. Esa cuberta ten buratos por onde se mete a auga cara ao patio, sinalan os pais dos alumnos que engaden que nalgunhas aulas o falso teito é de fibra de vidro, material prohibido nos centros de educación pola súa perigosidade para a saúde. Ademais, a estrutura que suxeita o tellado desta zona tamén encóntrase embutida na pedra e a ANPA teme que exista o risco de que se poida producir algún desprendemento afectando aos alumnos.

Tamén afirman que as obras da Fase B realizadas en 2013 foron "unha chapuza". O que se fixo foi cambiar o tellado e pouco máis, xa que non se cambiaron as ventás a pesar de que as situadas nas aulas de infantil non pechan ben. Indican que no túnel de infantil xa volve caer auga cada vez que chove e non se cambiaron os andeis e armarios que se viran afectados.

Esta situación parte do ano 2010 cando caeu un lenzo de 12 metros de longo dun corredor do segundo andar do centro que obrigaron a que se acometesen obras de urxencia a teor do podres que se encontraban as cerchas que sustentaban os tellados.