A antiga casa consistorial recibe a visita das empresas interesadas en asumir a súa reforma

Pontevedra
25 de novembro 2021

Interesados en asumir o proxecto de reforma do edificio puideron coñecer de primeira man o estado actual do inmoble e as súas características. O orzamento de licitación aprobado en Xunta de Goberno para esta recuperación e mellora é de 1.361.377 euros

A antiga casa consistorial recibe a visita das empresas interesadas en asumir a súa reforma
A antiga casa consistorial recibe a visita das empresas interesadas en asumir a súa reforma / Mónica Patxot.

O Concello de Pontevedra xa iniciou o proceso de contratación para a renovación e reforma da casa consistorial da Praza de España. 

O proxecto, que fará o edificio accesible e permitirá achegalo de novo a toda a veciñanza, precisa dunha empresa que faga realidade o proxecto, por iso, este xoves abriu as súas portas para permitir a entrada de catro posibles licitadores.

Logo dunha breve introdución do proxecto por parte da concelleira de Réxime Interior e portavoz do goberno, Anabel Gulías, os interesados no proxecto puideron percorrer as diferentes estancias e andares que deberán reformar, o día de mañá, no caso de se presentar ao proxecto e, finalmente, gañalo.

Gulías lembrou que o Concello é consciente dos tempos que corren e das crises actuais, tanto de man de obra como de suministracións, o que provocou unha suba dos prezos a todos os niveis. Por iso, recoñece que este un proxecto que xera ilusión no goberno local, e que trataron de axustar o máximo posible o orzamento para seguir sendo atractivo para os licitadores.

Os visitantes que asistiron á visita guiada polos técnicos do Concello representaban as empresas Construcciones Ramírez, Oresa, Copcisa e Prace.