Unha empresa de Pontevedra e outra de Portugal, man a man na rehabilitación da casa consistorial

Pontevedra
23 de decembro 2021

A UTE formada pola compañía pontevedresa Construcciones Ramírez e a portuguesa Revivis será a encargada de executar a rehabilitación integral da antiga casa consistorial da Praza de España. Por ese traballo recibirán 1.350.486 euros, segundo informa o Concello

A antiga casa consistorial recibe a visita das empresas interesadas en asumir a súa reforma
A antiga casa consistorial recibe a visita das empresas interesadas en asumir a súa reforma / Mónica Patxot.

A UTE formada pola compañía pontevedresa Construcciones Ramírez e a portuguesa Revivis será a encargada de executar a rehabilitación integral da antiga casa consistorial da Praza de España. Por ese traballo recibirán 1.350.486 euros, segundo informa o Concello.

A súa foi a oferta mellor valorada entre as tres recibidas durante o proceso de licitación. A mesa de contratación, logo de examinar os técnicos cada unha das diferentes propostas presentadas, concluíu que a unión temporal Ramírez-Revivis era a mellor opción.

A empresa pontevedresa, destaca o goberno municipal, é ben coñecida polo seu traballo ao longo das décadas, tanto na cidade como fóra, con actuacións sinaladas como a reforma do edificio administrativo de Michelena, o Pazo de Quintans ou o edificio da Xunta en Benito Corbal. 

Pola súa banda, Revivis conta cun recoñecemento internacional polos seus labores de restauración e rehabilitación, sendo algúns dos seus proxectos o Palácio S. Marcos, en Coimbra; o convento de S. Paulo, en Setubal; ou a Santa Casa da Misericórdia de Lisboa.

O Concello iniciou o proceso de contratación para a renovación e reforma da casa consistorial o pasado 15 de novembro, co obxectivo de recuperar un dos edificios máis emblemáticos e simbólicos da cidade para a cidadanía.

A casa consistorial pasará a ser un espazo de convivencia social para toda a veciñanza, moderno e accesible, cunha funcionalidade múltiple, alén dos seus usos institucionais. 

O proxecto terá un prazo de execución de doce meses, que comezará a contar no momento do inicio de obra.