A recuperación do patrimonio de Pontevedra segue a revelar segredos agochados durante demasiado tempo. Desta volta, a diferenza dos últimos achados, non estamos a falar de Santa Clara, senón da vella casa consistorial da Praza de España.
O histórico inmoble deseñado por Alejandro Sesmero está a seren rehabilitado integralmente, pero o proxecto elaborado polo estudo U+A Arquitectura terá que ser reformado porque os traballos revelaron parte da estrutura orixinal do inmoble.
"Los estudios previos ya nos habían descubierto lo que ahora se está revelando por completo", explicou a arquitecta Gracia Amandi, coautora deste proxecto de rehabilitación.
Un destes elementos, quizais o máis rechamante, é o arco de pedra que agora é visible desde a entrada da Alhóndiga, antes tapado pola placa que facía referencia á obra orixinal de Sesmero, nas escaleiras centrais do edificio.
Ademais, atopáronse outros dos arcos laterais, tamén no ámbito desta mesma entrada e un segundo soto que, no seu día, foi inutilizado por problemas coa pedra do chan.
Estes descubrimentos arquitectónicos son valiosos pola súa estética e pola historia de seu que ofrecen, ao repasar a propia vida do edificio, polo que serán incluídos, dalgún xeito, na rehabilitación integral que están a acometer neste equipamento municipal.
A "esencia original" da rehabilitación non cambiará, garantiu a arquitecta, entre elas a recuperación da entrada principal pola Rúa Alhóndiga, pero "estos elementos que vamos revelando deben ser incluidos porque son un guiño al edificio original, son parte de su historia".
"Estamos moi ilusionados", destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañado por parte do seu goberno visitou as obras que se están facendo no edificio, que pasará a ter un uso público para plenos, vodas, actos sociais e culturais ou recepcións.
As obras de rehabilitación non se verán atrasadas pola modificación do proxecto inicial, polo que mantense a previsión de que poidan estar rematadas a mediados do próximo ano 2023.