A antiga gardería de Campelo xa é de propiedade municipal

Poio
24 de febreiro 2024

O alcalde Ángel Moldes asinou esta mesma semana cos Mercedarios do Mosteiro de San Xoan de Poio a adquisición por un importe de 300.000 euros, o que supón "un aforro importante respecto o anterior valor (460.000 euros)"  

Ángel Moldes asina a compra da antiga gardería de Campelo
Ángel Moldes asina a compra da antiga gardería de Campelo / Concello de Poio

Acordo pechado para a compra da antiga gardería de Campelo por parte do Concello de Poio.

O alcalde Ángel Moldes asinou esta mesma semana cos Mercedarios do Mosteiro de San Xoan de Poio a adquisición por un importe de 300.000 euros, o que supón un "aforro importante" respecto o anterior valor, situado nuns 460.000 euros.

Moldes amosou a súa "ilusión e satisfacción" por materializar esta compra "tan necesaria" coa que dotarán o municipio dun centro de día.

"Estamos traballando de xeito intenso e con responsabilidade para avanzar cara novos feitos. A compra deste inmoble era unha oportunidade para ofrecer ás familias un servizo fundamental. Aproveitamos un edificio en desuso para convertelo nun servizo que é moi demandado e necesario e dar resposta a un compromiso que adquirimos cos veciños", afirmou o rexedor.

A parcela da antiga gardería está situada nunha "contorna inmellorable", con boas comunicacións, accesibilidade, ao carón do Centro de Saúde e entre dúas das parroquias con máis poboación. Para Ángel Moldes, "era o momento idóneo para facerse con este inmoble e coa finca para evitar que o edificio continúe deteriorándose".

Agora o alcalde avanzou que o seguinte paso será a adaptación xurídica e urbanística para buscar financiamiento e poñer en marcha un centro de día que "pronto vai ser unha realidade".