Ángel Moldes, alcalde de Poio, realizaba unha análise do primeiro ano de mandato á fronte do goberno do Partido Popular no municipio.
Sinalou que "Poio está a cambiar" e manifestou que se está traballando para dar resposta ás necesidades máis inmediatas e establecer a base para afrontar proxectos importantes.
Cualificou o labor desenvolvido polo seu equipo de goberno como "intensa, eficiente e comprometida", asegurando que a xestión se centra nas persoas como prioridade.
Asegura que Poio é hoxe "un concello máis vivo, dinámico e atractivo". Destacou a aprobación da primeira baixada de impostos do mandato relacionada cos vaos e as viñetas dos vehículos, a primeira que se realiza "en décadas", afirmou subliñando a "difícil situación económica que herdamos".
Explicou que partiron con oito millóns de débedas cos bancos, con máis de 1,2 millóns de euros de facturas sen pagar e cun orzamento que se terminou no mes de maio cando se celebraron as eleccións municipais. Asegura que se foi facendo fronte á situación "sen reducir nin a prestación nin a calidade dos servizos públicos".
LOGROS
Entre diversos puntos, Moldes manifestou a importancia da adquisición da antiga gardería de Campelo para convertela no primeiro Centro de Día de Poio e o impulso ao polígono industrial de Fragamoreira, en colaboración coa Xunta de Galicia.
En relación á mobilidade, o alcalde asegurou que se está avanzando para establecer unha liña de transporte entre as parroquias para conectar o rural coas zonas urbanas. Avanzou que o goberno local mantén conversacións coa Xunta para reforzar o transporte intermunicipal durante a tempada estival.
Expuxo que se crearon máis de cincocentas novas prazas de aparcamento nas parroquias coa implantación de zonas azuis para fomentar a rotación de vehículos.
Ten previsto establecer un contrato novo de saneamento e abastecemento de auga que permita prestar un mellor servizo, garantindo a calidade da auga.
Tamén mostrou a súa satisfacción por cubrir demandas históricas en relación ao asfaltado e pavimentación de diferentes travesías e rúas, entre outras melloras de servizos.
En relación co turismo, valorou a presenza en Fitur por primeira vez na historia do municipio e destacou a creación da mesa local de turismo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.