A aparición dun tramo da muralla medieval non afectará á construción do tanatorio de Arcebispo Malvar

Pontevedra
22 de maio 2015

As empresas promotoras do edificio, Pompas Fúnebres e Alianza y Barros, teñen intención de poñer en valor esta área acondicionándoa para que quede ao aire. Insisten en querer manter xuntanzas cos veciños para que entendan o proxecto que van acometer fronte á praza do Peirao  

Muralla atopada no terreo entre a Avenida de Uruguai e Arcebispo Malvar
Muralla atopada no terreo entre a Avenida de Uruguai e Arcebispo Malvar / Cristina Saiz
As funerarias queren explicar o proxecto do tanatorio aos veciños /

Unha muralla medieval de 34,57 metros de lonxitude encóntrase á vista no soar no que as funerarias Pompas Fúnebres e Alianza e Barros proxectan a construción do tanatorio entre Arcebispo Malvar e a avenida de Uruguai. Trátase da extensión máis longa de muralla que se conserva despois da que se encontra no Sexto edificio do Museo e presenta unha baluarte defensivo coa posibilidade dun segundo baluarte baixo a casa da familia de Filgueira Valverde.

Durante a mañá deste venres 22, os xerentes das empresas Pompas Fúnebres e Alianza e Barros, Naír Fernández e Fernando Gutiérrez visitaron o terreo acompañados polos arqueólogos Ángel Aculla e Miguel Sartal, que indicaron que escavaron a zona intermareal ata onde chegaba o río. Sartal apuntou que a muralla se encontra ben conservada e escavaron recheos, terra do interior da cidade que se foi trasladando a esta zona para ir gañando unha plataforma cara ao río. Sinalou tamén que detrás deste tramo se encontra a praza do Peirao, un dos puntos máis antigos da cidade do que existe documentación sobre a fábrica de salgaduras e de restos romanos alto imperiais, do século I d.C..

A muralla de máis de 2,3 metros de ancho e de 1,80 de profundidade sitúase no século XVI, con reformas posteriores e sería a continuación da estrutura encontrada nas escavacións realizadas na praza de Valentín García Escudero.

Nos próximos días está previsto que a empresa Construcións San José inicie a segunda fase do proxecto de intervención arqueolóxica coa instalación dun muro de microestacas destinado a garantir a estanquidade do soar. A terceira fase centrarase na escavación de todo a área na que, tras as catas xa realizadas, non se espera que se encontren restos de gran valor arqueolóxico, indicou a xerente de Pompas Fúnebres, Naír Fernández.

FUTURO TANATORIO

Este achado, segundo os xerentes de ambas as dúas funerarias, non afectará ao proxecto da construción do edificio de dúas plantas e baixo cuberta que teñen previsto destinar a tanatorio. Naír Fernández avanzou que teñen previsto comezar a edificar a principios de 2016 e sinalou que a muralla vai lineal co muro da parte traseira do inmoble cuxa entrada será pola avenida de Uruguai.

Precisamente dende ambas as dúas empresas sinalan que queren explicarlles o proxecto aos veciños para que comproben que con esta infraestrutura "o barrio gaña", indicou Naír Fernández, "hasta que se compró este solar estaba a merced de las ratas, pero nosotros creemos que este proyecto va a aportar y a ayudar a crecer la ciudad".

En canto á instalación dun crematorio, Fernando Gutiérrez de Alianza e Barros recordou que a normativa municipal se encontra recorrida no xulgado e ata que haxa sentenza non se van pronunciar ao respecto. Gutiérrez afirmou que "tal y como está la normativa es imposible hacer un crematorio en la ciudad" e engadiu que estudan outras situacións en concellos limítrofes como Poio, Barro ou ponte Caldelas. O xerente desta funeraria insistiu en que hai crematorios urbanos que levan décadas funcionando "con tecnologías más antiguas que las actuales, que son más seguras. Hay crematorios en París, Madrid, Coruña o Vigo y no pasa nada". Neste sentido apuntou que "en cualquier tanatorio encaja un crematorio" pero eludiu confirmar que se fose a construír en Arcebispo Malvar se a normativa, finalmente, o aceptase.