A APDR afirma que as administracións seguen sen garantir o tratamento das augas residuais

Pontevedra
16 de febreiro 2021

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ven de denunciar unha "nova agresión no Lérez", outra vertedura ao río desta volta localizada á altura do Náutico e co mesmo aspecto que os anteriores, "que nos fai pensar que se trata de augas residuais urbanas", sinala o presidente da APDR, Antón Masa

Vertedura ao río Lérez na zona do Náutico
Vertedura ao río Lérez na zona do Náutico / APDR

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ven de denunciar unha "nova agresión no Lérez", outra vertedura ao río desta volta localizada á altura do Náutico e co mesmo aspecto que os anteriores, "que nos fai pensar que se trata de augas residuais urbanas", sinala o presidente da APDR, Antón Masa.

Non so o colectivo ecoloxista, tamén algúns cidadáns que paseaban pola zona deron conta desta verdedura chamando á Policía Local ou ao 112, "e sabemos tamén que ambos os dous organismos inspeccionaron no río, polo que supoñemos terán aberto as oportunas dilixencias", informou Masa.

Dende a APDR preguntan "canto tempo máis teremos que soportar esta situación e cando se vai tomar unha decisión definitiva que supoña a eliminación absoluta dos vertidos ilegais aos ríos e á Ría?".

O presidente de Defensa da Ría sinala que o problema de contaminación continúa dende hai anos, unha circunstancia que levou no seu día á APDR a presentar denuncia polo  incumprimento continuado da Directiva 91/271/CE de augas residuais urbanas pola que o Estado español o foi condenado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea en marzo de 2016.

A día de hoxe, afirma Antón Masa "a situación de incumprimento da lexislación segue sendo moi semellante á que motivou aquela denuncia".

Aquela sentenza daba a razón a unha denuncia previa da Comisión Europea contra España por incumprir a obrigación de garantir o tratamento das augas residuais da área urbana "Pontevedra-Marín-Poio-Bueu".

"Esiximos que, dunha vez por todas, se eliminen estes vertidos, situación que non vai variar cos plans da Xunta de Galicia para a depuradora nin coa construción dun novo tubo emisario", conclúe o presidente da APDR.