A APDR celebra tres décadas de loita ecoloxista

Pontevedra
13 de maio 2018

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra celebrou este sábado no Teatro Principal un acto de homenaxe a todas aquelas persoas e colectivos implicados nas súas primeiras tres décadas de loita ecoloxista

A APDR celebra "30 anos na defensa no medio"
A APDR celebra "30 anos na defensa no medio" / Diego Torrado

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra celebrou este sábado no Teatro Principal un acto de homenaxe a todas aquelas persoas e colectivos implicados nas súas primeiras tres décadas de loita ecoloxista.

A actriz Mónica Camaño e o xornalista Xabier Fortes conduciron este acto de acción de grazas no Teatro Principal de Pontevedra, nun repaso aos fitos máis destacados ao longo da súa traxectoria e cun especial recordo a aquelas persoas máis significadas da asociación.

A historia da defensa da ría fronte ao complexo de Ence-Elnosa ou a catásfrofe do Prestige foron lembrados en vídeos, carteis e fotografías. Pero tamén houbo entrevistas en directo ao avogado Vicente Legísima, a Manuel González ou a Leonor González "Nené", vicepresidenta da xunta xestora e presidenta da directiva entre 1991 e 1997.

Tamén se homenaxeou a personaxes históricos para a asociación como Arturo Estévez ou Daniel Soutullo, socios fundadores e membros de xunta xestora, a Fernando Martínez Sarandeses primeiro presidente da asociación, a Celia Cortizo, Lidia Torres, Aida Dantas e a Fernando Martínez Vilanova.

No escenario tamén houbo poesía e música e no patio de butacas moito público e algúns representantes políticos como o alcalde de Pontevedra e a presidenta da Deputación.