A APDR convoca para o sábado 16 de xuño a súa marcha anual contra ENCE

Pontevedra
04 de xuño 2018

A tradicional marcha de protesta, que partirá ás 19:30 horas das Alamedas de Pontevedra e Marín, adquire novos matices coa chegada ao Goberno de España do Partido Socialista, a quen pide que cumpran o compromiso adquirido de "se chegaban ao Goberno facer todo o posible para derogar a concesión", explicou Antón Masa

Antón Masa e Benito Andrade presentan a marcha anual da APDR contra Ence
Antón Masa e Benito Andrade presentan a marcha anual da APDR contra Ence / Mónica Patxot

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) volverá saír á rúa un ano máis para esixir a saída do complexo industrial de Ence-Elnosa da súa actual localización en Lourizán, aos pés da Ría de Pontevedra.

O colectivo convocou para o sábado 16 de xuño (19:30 horas) a súa marcha anual desde as Alamedas de Pontevedra e Marín ata a fábrica, unha manifestación que contará esta vez cun lema, 'Debaixo da fábrica están as praias'.

"Con este eslogan queremos reivindicar a recuperación das praias urbanas de Pontevedra que están debaixo da fábrica e a praia marisqueira máis importante da ría", explicou o presidente da APDR, Antón Masa.

A protesta adquire nesta ocasión novos matices co cambio no Goberno de España e a chegada do Partido Socialista, a quen lle pide que cumpra o compromiso adquirido de "se chegaban ao Goberno facer todo o posible para derogar a concesión".

"Hai unha cousa que poden facer xa, decretar a caducidade de Elnosa", sinalou Masa en referencia á clorera, aínda que sen esquecer a prórroga da concesión a Ence que mantén é "ilegal ou como mínimo indecente".

A xornada reivindicativa completarase nesta ocasión cunha festa previa na Alameda de Pontevedra, aínda sen definir pero na que a idea é organizar unha comida e diferentes actividades previas á marcha, con obradoiros para nenos e animación musical.

Ademais a manifestación de protesta contra a permanencia de Ence servirá de colofón, explica APDR, á campaña da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a defensa do bosque autóctono.