Ante a convocatoria por parte da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) da súa marcha anual contra Ence, que se celebra este sábado 16 de xuño, a pasteira emitiu un comunicado para defender que "cumpre rigorosamente a máis esixente lexislación ambiental".
A compañía asegura que publica os parámetros ambientais dos seus controis diariamente na súa web, con datos que "poñen de manifesto que non prexudica en absoluto á contorna natural e están permanentemente por baixo dos límites establecidos pola súa esixente Autorización Ambiental Integrada".
Ademais Ence anuncia no seu comunicado a intención de seguir investindo no complexo de Lourizán para que conte coas tecnoloxías máis avanzadas que garantan "a súa excelencia ambiental".
Doutra banda, lembra os "preto de 1.000 empregos directos e indirectos" que dependen directamente da fábrica de Pontevedra e as "máis de 5.000 familias galegas" vinculadas á súa actividade ao ser o maior comprador de madeira da comunidade.
Esa madeira, manteñen, está certificada por FSC, o que garante que é xestionada de maneira responsable e sustentable.
BAIXA PARTICIPACIÓN NA MARCHA DE PROTESTA
Ence sinalou á súa vez que o "escaso seguimento da manifestación contra a actividade da biofábrica" supón un reforzo ao seu labor ao entender que é consecuencia directa das melloras que a compañía acometeu nos últimos anos.
"É un claro reflexo de aceptación da biofábrica por unha ampla maioría da poboación pontevedresa, que apoia a súa insubstituíble función económica e de creación de emprego, así como a súa importancia social e a súa contribución á calidade de vida dos seus veciños", sinalou a pasteira nun segundo comunicado remitido aos medios de comunicación.