O PSOE promete "insistir" ante o Goberno de Pedro Sánchez para que Ence saia da ría de Pontevedra

Pontevedra
09 de xullo 2018

A situación de Ence e Elnosa na ría de Pontevedra foi o tema central da reunión que este luns mantiveron representantes da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) coa executiva local do PSdeG-PSOE, unha vez que o socialista Pedro Sánchez converteuse en presidente do Goberno español

Xuntanza de APDR coa executiva do PSOE de Pontevedra
Xuntanza de APDR coa executiva do PSOE de Pontevedra / Mónica Patxot

A situación de Ence e Elnosa na ría de Pontevedra foi o tema central da reunión que este luns mantiveron representantes da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) coa executiva local do PSdeG-PSOE, unha vez que o socialista Pedro Sánchez converteuse en presidente do Goberno español.

Neste encontro, o portavoz municipal socialista, Agustín Fernández, asegurou que o seu partido "insistirá" ante o novo executivo central acerca da "necesidade" de tomar decisións que faciliten o desmantelamento do complexo industrial de Lourizán, de forma que ambas as dúas compañías trasladen a súa produción "a outro lado". 

Fernández trasladou á APDR a súa confianza en que as decisións que tome a dirección de Costas a este respecto "sexan favorables aos intereses de Pontevedra" e mostrou a "total dispoñibilidade" do PSOE local para "empuxar nunha mesma dirección e dar saída a unha situación indesexada creada polo goberno do PP".

O dirixente socialista, en todo caso, pediu "tempo" a APDR para que o novo goberno vaia "tomando asento".

No caso da prórroga por 60 anos concedida a Ence, Agustín Fernández lembrou que o Concello presentou un recurso ante a Audiencia Nacional, polo que se mostrou partidario de esperar a esta resolución, que confía que sexa "favorable" aos intereses municipais.

En caso contrario, dixo, "quedaría tomar decisións político-administrativas que se valorarían no seu momento".

Pola súa banda, Antón Masa urxiu a solucionar o decreto de caducidade de Elnosa, que "corre présa", e esperar a "ver que pasa" cos recursos xudiciais expostos contra a prórroga de Ence, cuxa situación é "máis complexa".

Desde a APDR agradeceron que a posición do PSOE sexa "moi coincidente" coa do colectivo ambiental ante a posibilidade de "actuar pola vía político-administrativa se pola xudicial non se resolve" e valorou que este goberno "teña a vontade política de facelo".

Arquivado en