A APDR denuncia a ENCE nos xulgados por obstaculizar a marcha contra a fábrica

Pontevedra
25 de xuño 2019

Antón Masa considera que é "inadmisible" que ENCE utilizase unha potente megafonía, que emitía mensaxes publicitarias, para impedir o desenvolvemento dunha manifestación que contaba con todos os permisos legais. Trátase, segundo Masa, duns feitos "antidemocráticos" que violan un dereito "fundamental" da cidadanía como é o dereito á manifestación "que está regulado e penado pola lei"

Antón Masa, ás portas dos xulgados da Parda Mónica Patxot

Dúas denuncias, unha ante a Fiscalía e outra perante o xulgado de garda. Son os trámites que realizou este martes a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) contra ENCE.

A organización ecoloxista acusa á empresa de tratar de obstaculizar a marcha contra a factoría, celebrada en Pontevedra o pasado 16 de xuño.

O presidente de APDR, Antón Masa, considera que é "inadmisible" que ENCE utilizase unha potente megafonía, que emitía mensaxes publicitarias, para impedir o desenvolvemento dunha manifestación que contaba con todos os permisos legais.

Trátase, segundo Masa, duns feitos "antidemocráticos" que violan un dereito "fundamental" da cidadanía como é o dereito á manifestación "que está regulado e penado pola lei".

En concreto, APDR pide ao xulgado que abra dilixencias previas para ver se existe delito na actuación da compañía e, se é o caso, se identifique os responsables deste comportamento.

Ademais, á Fiscalía solicítanlle que abra dilixencias "polo mesmo" e recoméndanlle unha "serie de probas" que foron trasladadas ao xulgado.