A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) emitiu un comunicado no que avalía a decisión da Xunta de Galicia, comunicada na comisión parlamentaria a través da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, de reducir nun 60% a captación de auga do río Lérez que realizaba a fábrica pasteira Ence.
Segundo indica o colectivo que preside Antón Masa "calquera redución no consumo de auga é benvida para unha organización como a APDR que ten entre os seus obxectivos a diminución do gasto enerxético e dos recursos naturais de primeira necesidade". Con todo, manifesta que esta decisión non satisfai plenamente porque chega tarde, mal e arrastro, ao entender que Ence leva "demasiados anos" facendo un "enorme gasto de auga".
En segundo lugar, a APDR alega que a decisión chega "mal" porque a rebaixa queda moi curta. A empresa contaba cunha concesión que lle permitía un consumo de 129.600 m3/día, mentres que estivo a consumir ao redor de 60.000 m3/día ata mediados dos anos 90, expoñen citando datos da propia fábrica. E lembra que Augas de Galicia sinala que actualmente a media do consumo ascende a 47.520 m3/día. Segundo o colectivo ecoloxista, Ence comprometérase coa Xunta en 2016 a rebaixar este consumo ata os 4.000 m3 diarios. Por tanto, esta limitación da captación a 28.512 m3 diarios (0,55 m3/s) permítelle un consumo sete veces maior ao que a Xunta debería esixir.
Apuntan, ademais, que chega "arrastro" das esixencias de Ence, ao considerar que esta decisión do goberno autonómico se adopta sen atender ás necesidades de preservar a auga necesaria para outros usos, senón mantendo a prioridade das "necesidades reais" de Ence por diante dos usos das poboacións da comarca pontevedresa.
A APDR ataca ao Partido Popular acusando aos populares de manter unha "absoluta submisión aos intereses da empresa" desde a chegada ao goberno da Xunta. E afirma que a administración autonómica defende a permanencia da factoría en Lourizán "en contra da razón, da legalidade e das decisións xudiciais, ás que pretende burlar buscando (da man de Ence) falsas solucións administrativas".
Ante esta situación, Antón Masa en nome da asociación, esixe a modificación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) de Ence para fixar uns valores límite para as verteduras emitidas á ría pontevedresa, emisións á atmosfera, ruídos e malos cheiros. Sinalan que, na actualidade os valores recollidos nesta figura de intervención administrativa sobre Ence superan os establecidos na lexislación. Ademais, entenden que este cambio permitiría un "control estrito dos consumos enerxéticos e dos recursos naturais" que se derivan da actividade da empresa pasteira.