A APDR non rectifica a súa denuncia pola suposta "trama político-familiar" entre Ence e a Xunta

Pontevedra
15 de decembro 2014

Os directivos da Asociación pola Defensa da Ría acudiron ao Xulgado, xa que estaban citados para dar resposta á demanda de conciliación presentada por María José Echevarría Moreno contra ambos polas declaracións relacionadas coa existencia dunha "trama político-familiar" entre Ence e a Xunta de Galicia "para favorecer a permanencia da compañía en Pontevedra, xunto a ría"

Os representantes de APDR, Benito Andrade e Antón Masa PontevedraViva

Os directivos da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Antón Masa Vázquez e Benito Andrade González, acudiron este luns 15 de decembro ao Xulgado de Primeira Instancia número un de Pontevedra, xa que estaban citados para dar cumprida resposta á demanda de conciliación presentada por María José Echevarría Moreno contra ambos polas declaracións formuladas nunha roda de prensa en 11 de setembro, relacionadas coa existencia dunha "trama político-familiar" entre Ence e a Xunta de Galicia "para favorecer a permanencia da compañía en Pontevedra, xunto a ría" así como a "obtención dos correspondentes certificados ambientais".

Quen non acudiu á sede dos xulgados na Parda foi a denunciante, María José Echevarria, que ocupa o cargo de subdirectora xeral de Coordinación Ambiental na Consellería de Medio Ambiente.

A afectada entende que esas declaracións son "claramente inxuriosas, lesivas contra o dereito ao honor e constitutivas de delito" polo que esixiu "un rotundo, inequívoco e incondicionado desmentido", retractándose e rectificando tales afirmacións. Finalmente reclamaba que os mesmos medios de comunicación que se fixeron eco de tal información publicasen o desmentido.

Naquela ocasión os responsables do colectivo ecoloxista declararon que a subdirectora xeral de Coordinación Ambiental está casada co actual director de Ence-Pontevedra, Antonio Casal, "o que dá lugar a situacións que para nada resultan normais nunha sociedade democrática e que ata poden dar lugar á comisión de actos punibles pola lexislación".

Masa e Andrade, presidente e vicepresidente da APDR, respectivamente, rexeitaron a posibilidade de conciliación suscitada neste acto de xurisdicción voluntaria entre as partes "xa que non ía ser posible alcanzar ningún acordo", explicaron.

Agora a subdirectora xeral valorará co seu avogado se interpón unha querela, xa que de momento non hai litixio ou partes enfrontadas.