A APDR pide ao Valedor do Pobo unha solicitude de amparo pola "trama" de Ence coa Xunta

Pontevedra
16 de outubro 2014

A asociación ecoloxista denuncia o trato de favor que a actual Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, María José Echevarría, presta á fábrica de Ence que dirixe o seu marido, Antonio Casal

Manifestación contra Ence convocada pola APDR
Manifestación contra Ence convocada pola APDR / PontevedraViva

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) remitiu ao Valedor do Pobo de Galicia unha solicitude de amparo fronte ao trato de favor que, segundo o colectivo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presta á fábrica de Ence que dirixe o marido da actual subdirectora xeral de Coordinación Ambiental, María José Echevarría Moreno.

A APDR remitiu ao Valedor un escrito de 10 páxinas no que se pormenorizan as actuacións dos actores da administración, de Ence e de Elnosa que levan á asociación a presentar esta solicitude de amparo. Detállase o progreso dos actos administrativos nos que participa a actual subdirectora xeral de Coordinación Ambiental e se achegan as probas documentais que corroboran estas actuacións. Desta forma relátase que María José Echevarría Moreno participa en trámites e expedientes que afectan ás empresa que aparecen representadas pola súa irmá, executiva de Elnosa, Amaia Echevarría, e polo seu marido Antonio Casal, director de Ence en Lourizán.

Segundo a APDR no escrito ofrécese unha exposición razoada de como as decisións adoptadas en actos administrativos nos que participa a subdirectora xeral se resolven de xeito favorable para Ence. Por este motivo, o colectivo que preside Antón Masa, solicita amparo ao Valedor para que restitúa o dereito cidadán á acción civil en defensa do medio ambiente, ao entender que se veu producindo un secuestro deste dereito.

Ademais, a asociación alerta o Valedor dun acto de "dubidosa legalidade" en relación coa prórroga que solicita a empresa para permanecer na ría de Pontevedra e solicita que evite un acto administrativo que, segundo entenden os responsables da APDR, "non está presidido polo obxectivo do ben común".