O domingo 4 de xullo a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) celebrará a súa marcha para reclamar que a factoría de Ence abandone a Ría de Pontevedra.
O pasado ano 2020 foi o único no que se fixo un parón nesta tradición por "prudencia e responsabilidade" ante a situación sanitaria, segundo lembraba Antón Masa, o presidente da APDR, que este venres facía pública a convocatoria en rolda de prensa telemática na compaña da secretaria da Asociación, Antía Mariño.
Os participantes partirán simultaneamente das alamedas de Marín e Pontevedra ás 12:00 horas do domingo 4 de xullo e atoparanse ás portas de Ence ao carón da Ría, punto final dos percorridos e onde se concentrarán e se dará lectura a un manifesto.
Previamente, membros da Asociación repartirán folletos polas rúas de Pontevedra coas reivindicacións desta campaña baixo o título "Fóra da Ría xa!". Entre estas demandas, incídese na saúde, o respecto polos recursos naturais ou o cumprimento da normativa que posibilite o traslado inmediato de Ence. Ademais, Antía Mariño manifestaba que a desaparición da fábrica do seu actual emprazamento fomentará un "traballo sostible e compatible co medio ambiente", que é o que defende a APDR.
COA VISTA NO 22 DE XUÑO
A presentación da marcha prodúcese a poucos días de que o martes 22 de xuño a Audiencia Nacional decida o futuro da fábrica pasteira nos terreos que actualmente ocupa en Lourizán, dentro do procedemento xudicial impulsado polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a propia APDR.
Neste sentido, Antón Masa avanza que o martes 22 "entendemos que non se vai saber o fallo, senón que se sentará a sala que lle corresponda da Audiencia Nacional, deliberarán sobre o tema e acordarán redactar un fallo". O resultado, confía o presidente da APDR, non se vai demorar demasiado, dada a transcendencia que ten este asunto, pero en todo caso "non será cuestión de un par de días como algúns anunciaron, máis ben cuestión duns poucos meses".
Desde a APDR confían en que o fallo sexa favorable pero, de non selo, xa avanzan que recorrerán ante instancias superiores.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.