A APDR resta importancia á reunión entre Feijóo e Teresa Ribera: "deixa as cousas practicamente igual que estaban"

Pontevedra
23 de outubro 2021

Antón Masa tan só ve un "cambio de posición" de Feijóo e o seu Goberno, que "admiten agora un posible traslado fóra de Lourizán", volvendo ás posicións que mantiñan no ano 2012 e distanciándose en certa medida da posición de "ou en Lourizán ou fóra de Galicia" defendida por Ence e pola sección sindical de CC.OO.

Antón Masa e Marco Cernadas, da Asociación pola Defensa da Ría PontevedraViva

"Que ten mudado tras a reunión Feijóo-Ribera?" A pregunta pona sobre a mesa Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), e el mesmo a responde: "deixa as cousas practicamente igual que estaban".

A APDR fixo público este sábado un comunicado no que valora a entrevista que mantiveron o pasado xoves en Madrid a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Como conclusión, sinala que "nada novo" supón este encontro "máis alá das interpretacións interesadas por parte deste último (Feijóo) e do triunfalismo transmitido polos medios oficiais do Goberno galego".

O presidente da APDR tan só ve un "cambio de posición" de Feijóo e o seu Goberno, que "admiten agora un posible traslado fóra de Lourizán", volvendo ás posicións que mantiñan no ano 2012 e distanciándose en certa medida da posición de "ou en Lourizán ou fóra de Galicia" defendida por Ence e pola sección sindical de CC.OO.

Antón Masa fai esta valoración despois de analizar a información recollida nos medios de comunicación e nos comunicados oficiais feitos públicos polos Gobernos galego e estatal, segundo os cales Feijóo propuxo á ministra Lourizán como emprazamento para Ence, adscrito ao porto de Marín, e Ribera mantivo que a fábrica poderá seguir en Galicia sempre que cumpra a legalidade, é dicir, fóra dos terreos de Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT). A ministra pediulle a Feijóo que "colabore coa empresa na busca de posibles emprazamentos alternativos e facilite terreos viables para este novo emprazamento da fábrica".

Feijóo relatou despois da reunión que trasladara á ministra un informe do Consello Consultivo de Galicia que avala a adhesión da fábrica de Ence ao porto de Marín, unha "solución xurídica" proposta polos traballadores e que conta co apoio da Xunta, pero desde a APDR insisten en que ese informe "non pode sortear as sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga ilegal concedida polo PP á empresa", sentenzas que están pendentes de recurso no Tribunal Supremo, pero que, a día de hoxe, obrigan ao peche da factoría. 

Así, a asociación ecoloxista sinala que se trata dun informe que "non vincula a ninguén e moito menos ao Ministerio de Transición Ecolóxica", que "debe defender o ben común e a recuperación do DPMT". Ademais, insiste en que Ence non podería seguir neses terreos mesmo no caso de adscribir os terreos de Lourizán á Autoridade Portuaria. A APDR rexeita esta posibilidade "por ser contraria á recuperación integral da Ría".

Desde a APDR manteñen o seu "convencemento" de que as sentenzas serán firmes e o tempo de Ence en Lourizán "terá chegado ao seu fin".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en