A araucaria heterophylla é unha árbore monumental de preto de 30 metros de altura, que preside a entrada á Alameda de Pontevedra e distínguese por ser a especia arbórea máis alta das que se atopan neste recinto central da cidade.
Este martes instalábase a iluminación de Nadal nesta araucaria tal e como estaba previsto dentro do contrato sobre os adornos lumínicos previstos para estas festas do Nadal. Desta forma recupérase unha imaxe que acompañaba á cidade nestas datas hai 30 anos.
Para a instalación da iluminación foi necesaria a intervención dos bombeiros do Parque de Pontevedra que, cun dos seus dous camións guindastre dotados dun brazo que alcanza os 40 metros de altura, lograron adornar a copa cunha tira led branca e fría, que non causa dano ás árbores.
Os bombeiros estiveron acompañados de catro operarios da empresa Progesa, adxudicataria da iluminación de Nadal neste 2020. Ata a Alameda tamén se desprazaban as concelleiras Carme da Silva, responsable de Festas e Eva Vilaverde, delegada dos Bombeiros. Da Silva destacou a incorporación da araucaria á iluminación deste ano "porque queremos un Nadal vivo". Ambas agradeceron a colaboración dos bombeiros nesta actividade.