Pontevedra terá un "poboado de Nadal" na Ferrería cun mercado típico de Nadal

Pontevedra
02 de decembro 2020

Este mercado abrirá as súas portas o 17 de decembro. Case todos os postos serán do comercio local pontevedrés e neles, entre outras cousas, poderanse atopar adornos do Nadal, xoguetes ou postais: Ademais, diferentes panaderías e pastelerías ofrecerán tamén produtos gastronómicos típicos destas festas

Carme da Silva, concelleira de Festas en Pontevedra
Carme da Silva, concelleira de Festas en Pontevedra / Mónica Patxot

Quince casetas integrarán o "poboado de Nadal" que Pontevedra instalará na Praza da Ferrería. Será un lugar no que, seguindo o ronsel dos tradicionais mercados do Nadal, poderanse adquirir todo tipo de produtos típicos destas festas.

Esta será unha das grandes novidades da programación "intensa e segura" que o Concello preparou para contribuír a que en Nadal os pontevedreses "sexan un pouco máis felices", segundo destacou a concelleira de Festas, Carme da Silva.

Este mercado abrirá as súas portas o 17 de decembro, coincidindo co inicio das vacacións escolares. Case todos os postos serán do comercio local pontevedrés e neles, entre outras cousas, poderanse atopar adornos do Nadal, xoguetes ou postais:

Ademais, diferentes panaderías e pastelerías da cidade ofrecerán tamén produtos gastronómicos típicos destas festas.

Da Silva explicou que para evitar aglomeracións e cumprir as restricións pola covid-19 haberá control de aforo no mercado e medidas hixiénicas.

A programación do Nadal araincará xa o 10 de decembro cos primeiros pases das nove compañías de Pontevedra que ofrecerán unha trintena de espectáculos de música, animación, circo ou maxia. Serán itinerantes e ao aire libre para que non haxa aglomeracións.

Estes espectáculos, que chegarán tamén a barrios como A Parda, O Burgo ou Monte Porreiro, estarán protagonizados polas charangas OT e MIL9, Pablo Méndez, Troula, Barafunda, A festa escénica, Nelson Quinteiro, Rivel e Armonium.

O Teatro Principal, pola súa banda, reunirá toda a oferta teatral para a infancia. Será con outros nove espectáculos de catro compañías pontevedresas, Baobab Teatro, Polo correo do vento, Pavís Pavós e Migallas Teatro. Todas elas ofrecerán sesións de mañá e tarde.

Pontevedra recibirá ademais a visita de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. Iso si, non haberá recepcións nin cabalgatas.

Melchor, Gaspar e Baltasar redobrarán a súa presenza no municipio e, ademais de percorrer as rúas da cidade, pasarán por todas as parroquias do rural. Será o día 5 de xaneiro, a partir das 10:30 horas. Estarán acompañados de nove grupos de animación.

ILUMINACIÓN E DECORACIÓN DO NADAL

Como estaba previsto, a iluminación do Nadal acenderase o vindeiro venres 4 de decembro, ás seis e media da tarde. Iso si, sen acto de inauguración. Acenderanse sen máis, ao mesmo tempo en toda a cidade, para que non se reúna moita xente.

Pero nos próximos días, avanzou Carme da Silva, haberá máis decoración. Así, os xardíns da Ferrería terá elementos especiais e instalarase un photocall de dous metros de alto na Praza de Ourense. Tamén haberá lugares para fotos ao redor da gran árbore de Nadal que estará na Ferrería.

O Pazo da Cultura estreará o día 10 de decembro unha iluminación "especial", segundo Da Silva, que irá cambiando durante as festas. O despregamento complétase coa tirolesa de 150 metros que estará situada en Raíña Vitoria, onde tamén se reforzará a decoración.