A área sanitaria de Pontevedra - O Salnés suma dúas novas mortes por covid e conclúe o ano con 80 vítimas da pandemia

Pontevedra
01 de xaneiro 2021

As últimas vítimas mortais son dúas mulleres, de 79 e 91 anos de idade, que perdían a vida este xoves 31 na Residencia de Maiores de Vilaboa. As dúas pacientes, segundo a información facilitada polo SERGAS, tiñan enfermidades previas. Galicia, en total, remata o ano con 1.400 falecementos por covid-19, con sete perdas nas últimas horas

Centro Residencial Pontevedra, en Vilaboa
Centro Residencial Pontevedra, en Vilaboa / Centro Residencial Pontevedra

Dúas mulleres, que eran usuarias do centro residencial de Vilaboa, convertíanse nas últimas vítimas do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés durante 2020. 

Segundo os datos facilitados polo Servizo Galego de  Saúde, as dúas vítimas tiñan 79 e 91 anos de idade e falecían na propia Residencia de Vilaboa, onde segundo os datos facilitados este xoves mantéñense tres usuarios enfermos por covid-19 e seis profesionais deste centro de atención a maiores. As mulleres, segundo a Consellería de Sanidade, presentaban un cadro clínico no que figuraban outras enfermidades previas.

Con estas dúas novas mortes, o número de falecidos na área sanitaria desde que se comezaron a rexistrar as mortes por  covid no 2020 alcanza a cifra de 80 persoas. A anterior vítima produciuse o mércores ao morrer un home de 75 anos no Hospital Montecelo. 

1400 MORTES EN GALICIA

Na última xornada do ano, a Consellería de  Sanidade notificou o falecemento de sete persoas que foran diagnosticadas por coronavirus. Ás dúas vítimas de Vilaboa hai que engadir unha morte en Vigo: un home de 63 anos, no Hospital de Povisa; dous en Santiago de Compostela: un home de 59 e unha muller de 92 anos que perdían a vida no  Complexo Hospitalario Universitario.

Tamén se notificaba a morte dunha muller de 85 anos, no Hospital de Cee, procedente da Residencia Domus Vi Vimianzo e dun home de 85 anos que se sumaba á lista de decesos ao falecer no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Todas as vítimas presentaban un historial clínico con patoloxías previas.

O número total de mortes en Galicia por covid-19 durante 2020 ascende a 1.400 persoas desde o inicio da pandemia.