A área sanitaria garante que este verán manterá abertas o 87% das camas dos hospitais de Pontevedra

Pontevedra
07 de maio 2019

O anuncio, realizado despois de que fontes sindicais alertaran dun novo peche de camas para o período estival, supón que oficialmente o Servizo Galego de Saúde garante que o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra terá operativas 520 camas e o Hospital do Salnés, 108 camas  

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés anunciou este martes que garante que durante o próximo verán manterá operativas o 87% das camas dos hospitais de Pontevedra e o 90% do Hospital do Salnés.

O anuncio, realizado despois de que fontes sindicais alertaran dun novo peche de camas para o período estival, supón que oficialmente o Servizo Galego de Saúde garante que o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra terá operativas 520 camas e o Hospital do Salnés, 108 camas

Fontes oficiais explicaron que, a través do Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para o verán, manterá operativo o 89% dos seus recursos asistenciais globais. Dita planificación, realizada en base ao estudo da afluencia de pacientes durante esta época e que se leva a cabo e replanifica cada ano, "permitirá asegurar as necesidades de cobertura asistencial dacordo coa previsión de demanda na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, así como executar un uso racional dos recursos asistenciais".

En relación co peche de camas, para decidir a cantidade tomaron como referencia o nivel de ocupación de camas rexistrado o verán do pasado ano 2018, que acadou no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra un 76% (456 camas) e no Hospital do Salnés un 68% (82 camas)

Segundo as cifras oficiais, a previsión estival da área sanitaria para este verán de 2019 contempla unha marxe de dispoñibilidade global de 90 camas nos hospitais desta área sanitaria integrada, 64 en Pontevedra e 26 no Salnés. Destacan que "supera notablemente o nivel de ocupación de camas rexistrado o verán do ano pasado nos centros hospitalarios da área".

O plan de adecuación dos recursos asistenciais que planifica cada verán a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés xustifícase pola coincidencia do período regulamentario no que a maioría de profesionais do sistema sanitario público galego solicita o desfrute das súas vacacións, polo que é necesario efectuar unha programación previa, mantendo e adaptando os recursos asistenciais a esta realidade.