A área sanitaria suma 12 novos positivos por coronavirus nun día e mantense en 99 hospitalizados

Pontevedra
05 de abril 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés suma este domingo 444 casos activos de coronavirus, dos que 81 están hospitalizados en planta e 18 na UCI. Ata o momento, prescribíronse 61 altas hospitalarias. Cinco deses pacientes curados recibiron o alta nas últimas 24 horas 

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense este domingo na tendencia ao crecemento moderado dos novos casos de coronavirus e, segundo o último balance facilitado pola Consellería de Sanidade, este domingo ten 12 novos casos con respecto ao sábado.

A cifra supón unha importante redución con respecto aos 32 novos casos que se rexistraron o venres e regresar a niveis de crecemento dos últimos días da semana pasada. 

En total, a área sanitaria suma este domingo 444 casos activos de coronavirus, dos que 99 son pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria, xusto o mesmo número que o sábado. Do mesmo xeito que 24 horas antes, deles, 81 están hospitalizados en planta e 18 na UCI.  

Do total de ingresados este domingo, 12 están no Hospital do Salnés. O resto de casos confirmados están no seu domicilio, un total de 345.

Desde o inicio do plan de continxencia do  COVID-19, faleceron nesta área sanitaria 9 pacientes e prescribíronse 61 altas hospitalarias. Cinco deses pacientes curados recibiron o alta nas últimas 24 horas

A nivel autonómico, o número de casos de coronavirus ascende a 5.175, deles 1.058 son da área da Coruña, 555 da de Lugo, 921 da de Ourense, 444 da de Pontevedra, 1.075 da área de Vigo, 816 da de Santiago, e 306 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos en Galicia, 169 permanecen en UCI, 893 están en unidades de hospitalización e 4.113 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 587 altas de pacientes e 182 falecementos.

A Consellería de  Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.