A área sanitaria suma un novo caso activo de coronavirus e alcanza os sete

Pontevedra
14 de xullo 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve incrementar, por terceiro día consecutivo, a incidencia do coronavirus. Hai un paciente hospitalizado desde a fin de semana en Montecelo, o primeiro desde o 22 de maio e os outros seis casos activos, un máis que o luns, permanecen en seguimento domiciliario  

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve incrementar, por terceiro día consecutivo, a incidencia do coronavirus. Este martes 14 de xullo suma un caso máis aos rexistrados o luns e rexistra un total de sete. Xa o domingo e o luns medrara o número de casos activos. 

Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este martes continúa cun paciente hospitalizado. Esta hospitalización rexistrouse durante a fin de semana e actualizouse nas estatísticas do luns, de modo que o Hospital Montecelo volveu ter un ingreso por coronavirus tras máis de mes e medio sen casos. Desde o 22 de maio non había ningún. 

Este paciente está ingresado en planta do Hospital Montecelo mentres que o Hospital do Salnés e o QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra mantéñense sen hospitalizados nin pacientes en área de coidados críticos por coronavirus. 

Este hospitalizado é un caso importado que acabou ingresado mentres que os outros seis casos activos, un máis que o luns, permanecen en seguimento domiciliario

Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 245. Deles, 23 son da área da Coruña, 183 da de Lugo, 4 da de Ourense, 7 da de Pontevedra, 12 da área de Vigo, 15 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 238 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.965 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 220.603 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 256 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.