Pontevedra, sen novos positivos por COVID-19 por segundo día consecutivo

Pontevedra
16 de xullo 2020

Desde o pasado martes, día no que os casos activos por coronavirus chegaron a sete, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non rexistrou novos positivos, segundo o balance oficial que a diario realiza o Servizo Galego de Saúde

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus / Mónica Patxot

Desde o pasado martes, día no que os casos activos por coronavirus chegaron a sete, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés non rexistrou novos positivos, segundo o balance oficial que a diario realiza o Servizo Galego de Saúde.

Seis destes infectados permanecen en seguimento domiciliario e só un, ingresado en Montecelo, está hospitalizado. Non hai pacientes con COVID-19 nin no Hospital do Salnés nin no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra. Tampouco hai pacientes nas UCI.

Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 901 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.

Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 227. Deles, 27 son da área da Coruña, 160 da de Lugo, 4 da de Ourense, 7 da de Pontevedra, 16 da área de Vigo, 12 da de Santiago e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 220 nos seus domicilios. Por agora, en Galicia hai un total de 11.018 persoas recuperadas da COVID-19, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 226.453 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 227 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.