Os hospitais da área sanitaria volven estar libres de Covid-19

Pontevedra
17 de xullo 2020

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve estar libre de Covid-19 nos seus hospitais tras recibir o alta hospitalaria o paciente que estaba ingresado no Hospital Montecelo, pero este venres rexistra un novo caso activo de coronavirus con respecto ao xoves. Os oito positivos evolucionan nos seus domicilios 

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volve estar libre de  Covid-19 nos seus hospitais, pero este venres rexistra un novo caso activo de coronavirus que eleva a oito o total de positivos. Trátase dun médico de familia do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo.

Segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde, este venres 17 de xullo contabilízanse oito casos fronte aos sete de hai 24 horas, pero a vertente positiva do balance da xornada é que xa non hai ningún paciente hospitalizado. Este xoves uno permanecía en planta do Hospital Montecelo.

Así, a área sanitaria non ten ningún paciente con coronavirus hospitalizado en planta nin en área de coidados críticos nin no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital  do Salnés nin no  QuirónSalud Miguel Domínguez e os oito casos activos están a evolucionar nos seus domicilios

Desde o inicio do plan de continxencia do  COVID-19 curáronse 901 pacientes, ningún na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.

A nivel autonómico, a Dirección  Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 224, deles 27 son da área da Coruña, 160 da de Lugo, 4 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 17 da área de Vigo, 7 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 217 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.034 persoas curadas e rexistráronse 619 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 229.082 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 224 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.