Todos os compañeiros do médico con coronavirus de Baltar dan negativo na PCR e continúa o control sobre os pacientes

Sanxenxo
18 de xullo 2020

A área sanitaria mantén comunicacións cos pacientes atendidos de xeito presencial por este médico de familia e todos indicaron que se atopan ben e están asintomáticos. En canto aos catro contactos estreitos do sanitario, a pesares de que deron negativo na proba de PCR, seguen en corentena  

Realización de test de coronavirus
Realización de test de coronavirus / Diego Torrado

Todos os profesionais sanitarios do centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, que compartían quenda de mañá co médico de familia que esta semana deu positivo por coronavirus foron sometidos a probas PCR e deron negativo.

Así consta na comunicación oficial realizada polo Servizo Galego de Saúde, que indica que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa co seguimento epidemiolóxico do caso. As primeira conclusións dos especialistas situaron o foco do contaxio nunha comida familiar deste facultativo á que asistiron dúas persoas procedentes de Madrid.

A Central de Seguimento de Contactos continuou a manter este venres novas comunicacións cos pacientes atendidos de xeito presencial por este médico de familia e todos eles relataron aos profesionais sanitarios que se atopan ben e están asintomáticos.

En canto aos catro contactos estreitos do médico, a pesares de que deron negativo na proba de PCR, seguen en corentena ata que os servizos de Medicina Preventiva e de Prevención de Riscos Laborais lles indiquen a realización das probas correspondentes e, no seu caso, a finalización do illamento.

A Xerencia da área sanitaria agradeceu este sábado a colaboración de todos os profesionais do centro de saúde de Baltar, do equipo de toma de mostras, dos servizos de Prevención de Riscos Laborais, Medicina Preventiva e de Microbioloxía da Área, pois o seu "eficaz traballo de equipo" permitiu abordar a situación "de xeito modélico e coa máxima celeridade de tempo".