A arquitecta Zaida Muxí e a enxeñeira Paula Teles, dentro dos especialistas mundiais da 'Facultade Ágora'

Pontevedra
01 de abril 2021

A enxeñeira portuguesa Paula Teles e a arquitecta especialista en xénero Zaida Muxi achegarán a súa visión sobre a importancia do espazo público ás máis de 200 persoas, entre as que destacan os representantes dos concellos da provincia de Pontevedra, que pretenden formarse para tomar decisións sobre as vilas e cidades de Pontevedra

A arquitecta Zaida Muxí e a enxeñeira Paula Teles
A arquitecta Zaida Muxí e a enxeñeira Paula Teles

A enxeñeira portuguesa Paula Teles e a arquitecta especialista en xénero Zaida Muxi serán dúas mais das grandes figuras que estará dentro do plantel de especialistas mundiais da 'Facultade Ágora'.

Ambas achegarán a súa visión sobre a importancia do espazo público ás máis de 200 persoas, entre as que destacan os representantes dos concellos da provincia de Pontevedra, que pretenden formarse para tomar decisións sobre as vilas e cidades de Pontevedra.

Zaida Muxí Martínez é arquitecta e urbanista licenciada na Facultade de Arquitectura, Deseño e Urbanismo, doutora pola ETSA de Sevilla e profesora na de Barcelona. É codirectora xunto a Josep Maria Montaner do Máster Laboratorio da Vivenda do Século XXI da Universidade Politécnica de Cataluña. Colabora no suplemento Culturas da Vangarda e é coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero. 

Defende que "as cidades teñen xénero e é masculino", xa que na súa meirande parte foron deseñadas "por responsables masculinos" e para cubrir necesidades de homes e roles de productividade, deixando a un lado cuestións realtivas aos roles de coidados que sustentan ás mulleres, para os que aspectos como a iluminación e a accesibilidade son fundamentais.

En xeral, para Muxí, o espazo público é un desafío e unha oportunidade para a xustiza urbana, e debe reivindicarse a máxima calidade para o espazo público da cotidianidade, pero tamén o acceso público aos espazos de centralidade para todos. Segundo afirma, trátase dun desafío global á política urbana, un desafío urbanístico, político e cultural: urbanístico porque non é sen máis o espazo que queda entre os edificios e o viario, político porque é o espazo da expresión colectiva, e cultural porque a monumentalidade do espazo público expresa a función de símbolo de identidade colectiva.

Paula Teles é enxeñeira civil de Planificación do Territorio, pos-graduada en Estratexias e Metodoloxía da Xestión Urbanística e mestra en Planificación e Proxecto do Ambiente Urbano ( FEUP/ FAUP), con tese de máster sobre 'Os Territorios (sociais) da Mobilidade'.

Teles defende as cidades creadas para as persoas, unha tarefa que está a desenvolver como consultora de decenas de municipios e entidades do Goberno portugués, recoñecendo que "parece fácil pero non o é porque a resistencia é do tamaño do Mundo".

Na última década presentou centenares de palestras sobre Mobilidade Urbana e Deseño de Cidades en Portugal, Europa e Brasil. É autora e co-autora dun vasto conxunto de publicacións.

Teles recibiu a súa incorporación á 'Facultade Ágora' "case sen palabras e conmovida tamén por pasar a ser compañeira dos máis prestixiosos especialistas do mundo. Unha cartilla de nomes que máis coñecemento teñen producido sobre o Dereito ao Espazo Público e o dereito á Cidade. Autores dos libros que máis teño lido os últimos anos serán os profesores deste curso".