A asociación Juan XXIII reactiva o seu centro en Pontevedra

Pontevedra
16 de xullo 2020

O centro reactivou este mércores 15 de xullo a súa actividade tras recibir a autorización da Xunta de Galicia. Desde hai un mes funcionaba exclusivamente con cita previa de fisioterapia, terapia ocupacional, atención psicolóxica e mantemento cognitivo

Reapertura do centro da Asociación Xoán XXIII en Pontevedra
Reapertura do centro da Asociación Xoán XXIII en Pontevedra / Asociación Juan XXIII

Novo paso cara á normalización dos seus servizos na Asociación Juan XXIII, que a partir deste mércores 15 de xullo reactivou os seus Centros de Adultos de Pontevedra e Cangas tras recibir a autorización da Xunta de Galicia.

A administración autonómica aprobou a apertura tras dar o visto bo ao plan de prevención do Covid-19, a asistencia a actividades formativas de varios profesionais e a provisión de equipos de protección individual e material sanitario e hixiene. 

Tras o parón obrigado pola crise sanitaria, desde hai un mes Juan XXIII viña prestando servizos de forma presencial con cita previa de fisioterapia, terapia ocupacional, atención psicolóxica e mantemento cognitivo, á vez que se ofrecían apoios a través de videoconferencias ou de forma telefónica.

A normalización dos servizos irase acometendo en tres etapas, cada unha delas con 15 días de duración. Na fase inicial prevista para esta segunda quincena de xullo haberá un 50% de ocupación, coa asistencia aproximada de 90 persoas con discapacidade intelectual.

As seguintes etapas levarán a cabo a partir de setembro, ao ser agosto tradicionalmente mes vacacional, de modo que a etapa 2 comezará a partir do día 1 cun 75% do aforo e un último período despois do día 15 dese mesmo mes xa cun 100% de ocupación.

Actualmente a Asociación Juan XXIII funciona con plan de acción ante o coronavirus que supuxo a reorganización das actividades, establecendo 'unidades burbulla' co obxectivo de minimizar a interacción entre as persoas usuarias e os profesionais co obxectivo de reducir riscos no suposto caso que se produza algún brote.