A Asociación Veciñal de San Salvador presentou este xoves no Rexistro do Concello de Poio máis de 1.000 firmas esixindo ao goberno local "a creación de novas prazas de aparcamento" nesta parroquia.
A portavoz desta asociación, Montse Baquero, destacou que veciños, donos de establecementos e clientes coinciden en reclamar que se de solución a esta demanda "sen modificar ningunha dirección nin suprimindo ningún carril".
Neste sentido suxiren que "outros Concellos logran cesións, alugan ou compran terreos para crear novas prazas de aparcamento" e citan os exemplos de Ponte Caldelas ou Cangas, "pero en Poio nin o fixeron nin o fan e esiximos que se faga".
Montse Baquero lembra que San Salvador é a parroquia que máis creceu en poboación "e, con todo, non se crearon novas prazas de aparcamento senón todo o contrario, suprimíronse".
Como consecuencia deste problema, desde a asociación veciñal aseguran que "son moitos os negocios da parroquia que nos comunican que xa notan a baixada de ingresos" ademais dos inconvenientes que supón para os residentes na zona, unha situación que "empeza a ser insustentable", indica Baquero.
A asociación veciñal tamén anuncia que solicitaron unha reunión urxente co equipo de goberno.