A atención psicolóxica, principal demanda da AECC en Marín

Marín
19 de novembro 2020

A asociación realizou 179 intervencións de atención psicolóxica entre xaneiro e outubro. O voluntariado ofreceu un servizo de acompañamento telefónico en 20 ocasións e realizou 45 intervencións en voluntariado en hospitais e domicilios e 44 actuacións en relación coa rehabilitación integral de persoas con cancro de cabeza e pescozo 

Reunión mantida entre a AECC de Marín e a alcaldesa, María Ramallo
Reunión mantida entre a AECC de Marín e a alcaldesa, María Ramallo / Concello de Marín

O servizo máis demandado polos usuarios da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Marín está a ser no 2020 o apoio psicolóxico, no que se realizaron 179 intervencións entre xaneiro e outubro

Así o deu a coñecer o Concello de Marín despois dunha reunión mantida entre a alcaldesa, María Ramallo; a presidenta da Xunta Local de Marín da Asociación Española Contra o Cancro, Emilia Rey Parada; e o coordinador Telmo Crespo Tojeiro.

Os representantes da AECC presentaron á alcaldesa as cifras da actividade desde xaneiro e explicaron que o apoio psicolóxico é un importante compoñente dos coidados que a entidade ofrece ao paciente oncolóxico e aos seus familiares.

A través deste servizo, pacientes e familiares "poden escoitados e comprendidos, ademais de desenvolver recursos que lles permitan facer fronte a novas e complexas situacións que xorden despois do diagnóstico".

Ademais, a AECC de Marín concede diversos tipos de axudas económicas e xestiona programas de alimentos, de préstamo de material (perrucas, camas articuladas, cadeiras de rodas...), de xestión da seguridade social, de inserción laboral e de facilitación de residencias ou pisos de acollida fóra do fogar e desde xaneiro realizáronse 87 actuacións nesta liña.

A nivel telefónico, o voluntariado tamén ofrece un servizo de acompañamento, encamiñado a gozar de momentos de ocio e de apoio tanto a pacientes como a familiares. Este ano xa se realizaron 20 intervencións deste servizo.

A maiores, a AECC de Marín contabiliza 45 intervencións en voluntariado en hospitais e domicilios e 44 actuacións en relación coa rehabilitación integral de persoas con cancro de cabeza e pescozo a través do programa 'Volver a falar'.

A asociación tamén ofrece atención telefónica 24 horas durante todos os días do ano a nivel nacional a través do teléfono InfoCáncer: 900100036