A Audiencia confirma a condena ao empresario que agrediu o portavoz do BNG de Caldas

Umia
02 de decembro 2021

O condenado presentou un recurso alegando vulneración da presunción de inocencia e un erro na apreciación da proba, pero a Audiencia considera que hai nesta caso "proba de cargo de máis que suficiente contido incriminatorio". Cita o tribunal a declaración da vítima e tamén unha gravación de voz do momento dos feitos

Manuel Fariña, no Hospital Montecelo acompañado por Luís Bará e Eva Vilaverde
Manuel Fariña, no Hospital Montecelo acompañado por Luís Bará e Eva Vilaverde

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar a sentenza imposta polo Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis ao empresario caldense Juan José Caamaño Iglesias por agredir ao voceiro do BNG no municipio, Manuel Fariña. 

O xulgado de Calas condenou ao empresario como autor dun delito leve de lesións á pena de 45 días de multa a razón de 6 euros diarios, isto é, 270 euros. 

Tras ditarse o fallo xudicial, o condenado presentou un recurso ante a Audiencia Provincial que a sección segunda deste tribunal acaba de desestimar, confirmando, polo tanto, a condena previa. 

 A Audiencia confirma tamén os feitos probados polo xulgado de instrucción. Así, declara probado que o 5 de marzo de 2020, sobre as 11.40 horas, Manuel Fariña, a petición do empresario acompañouno a unha parcela forestal sita no lugar de Cardín, na parroquia de Saiar sobre a que o concelleiro nacionalista denunciara previamente a existencia dun vertidos.

Unha vez que chegaron alí, tras unha discusión, o empresario, "con ánimo de atentar contra a integridade física" do concelleiro, dirixiulle o puño á cara, o que provocou a caída deste. 

Unha vez no chan, Manuel Fariña dirixiuse cara ao agresor e díxolle: "paréceche esta a forma de amañar as cousas?", ao que o denunciado lle respondeu: "douche unha e douche vinte, porque as mereces e porque teño huevos para darchas e porque eres un fillo de puta".

Como consecuencia desta agresión, o voceiro do BNG de Caldas sufriu lesións, en concreto, contusión no nocello esquerdo e contusión na queixada e na nádega esquerda, polas que foi atendido no Hospital Montecelo. 

O ferido tardou 21 días en curar das súas lesións, dos que 7 sufriu un prexuízo particular moderado na calidade da súa vida; e os outros 14 un prexuízo particular básico.

O condenado presentou un recurso alegando vulneración da presunción de inocencia e un erro na apreciación da proba, pero a Audiencia considera que hai nesta caso "proba de cargo de máis que suficiente contido incriminatorio". Cita o tribunal a declaración da vítima e tamén unha gravación de voz do momento dos feitos.