A Audiencia de Pontevedra anula de novo por abusiva a cláusula solo utilizada en préstamos hipotecarios

Pontevedra
24 de novembro 2014

A sentenza ordena a súa inscrición no Rexistro de Condicións Xerais da Contratación, co fin de evitar que volvan utilizarse cláusulas similares no futuro

Protesta da Plataforma contra la cláusula suelo
Protesta da Plataforma contra la cláusula suelo

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra, especializada en materia mercantil, estimou o recurso presentado por un consumidor e declarou "abusiva", e polo tanto nula, a cláusula solo incluída na escritura de préstamo con garantía hipotecaria subscrita co Banco Pastor. A sentenza considera que a mencionada cláusula, "que foi redactada de antemán e imposta ao cliente sen posibilidade real de negociación", é abusiva dado que, en contra das esixencias da boa fe, causa en prexuízo do consumidor un desequilibrio importante entre os dereitos e obrigas que derivan do contrato de préstamo.

O tribunal analiza se a cláusula cumpre o coñecido como control de transparencia, é dicir, se foi redactada de xeito claro e comprensible, e conclúe que a escritura pública de préstamo, "é manifestamente insuficiente para os efectos de asegurar que o cliente tivera unha idea cabal das consecuencias económicas que derivaban da existencia da cláusula".

O fallo sostén que no maremágnum de datos, normas e cifras que se enumeran na escritura, a cláusula solo non só pasa desapercibida, senón que queda escurecida polo resto de estipulacións, impedindo que poida ser percibida polo consumidor como relevante e merecedora da atención necesaria ao tratarse dun elemento que afecta ao obxecto principal do contrato.

Unha vez afirmado que a cláusula non respecta o control de transparencia, a sala estuda se pode cualificarse como abusiva, para o cal examina se existe un equilibrio entre os denominados "solo" e "teito", concluíndo en sentido negativo.

Esta apreciación implica que a cláusula declarada nula se terá por non posta, co efecto de que, dende a data da sentenza, queda sen efecto o límite mínimo á variación do tipo de xuro. Así mesmo, a sentenza ordena a inscrición do fallo xudicial no Rexistro de Condicións Xerais da Contratación, co fin de evitar que volvan utilizarse cláusulas similares a partir deste momento. O impacto proxéctase así cara ao futuro, se ben, en opinión da sala, a sentenza abre a porta á impugnación de todos aqueles contratos actuais nas que se conteñan estipulacións similares á declarada nula.