A ausencia do servizo de pediatría en Cuntis e Moraña chega ao Parlamento galego

Umia
03 de xullo 2021

Ante esta situación, o grupo parlamentario do BNG decidiu presentar unha proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión na que se "insta ao goberno galego a cubrir de xeito permanente e na maior brevidade posíbel a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis"

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia

O grupo parlamentario do BNG faise eco da falta de cobertura do servizo de pediatría en Moraña e Cuntis. Denuncian os nacionalistas "os recortes que vén practicando a Xunta do PP na sanidade pública" e que coa escusa das medidas de urxencia por causa da pandemia esténdese na actualidade a servizos que deberían estar cubertos.

"Estes recortes e redución de medios humanos e materiais estanse a padecer nos centros de saúde de Moraña e Cuntis, primeiramente amortizando prazas que existían e na actualidade non cubrindo o servizo de pediatría", manifestan desde o BNG.

Lembra o segundo grupo en representación no Parlamento galego que "xa no ano 2018 o Sergas anunciaba que temporalmente o Servizo de Pediatría de Moraña e Cuntis quedaba suspendido. Daquela a presión e protesta veciñal fixo que o Sergas puxese un parche dotando unha profesional da sanidade para a praza de pediatría do Centro de Saúde de Moraña, compartida co concello veciño de Cuntis".

Esta situación empeorou desde que a comezos do pasado mes de xuño se suprimise a atención pediátrica, coa obriga de derivar aos nenos ao Centro de Saúde de Caldas.

A última noticia que ten o BNG é que se estuda a posibilidade, desde a área sanitaria de Pontevedra e Salnés, de que os centros de saúde de Moraña e Cuntis conten con atención pediátrica só algúns días á semana.

Ante esta situación, o grupo parlamentario do BNG decidiu presentar unha proposición non de lei para o debate en Pleno/Comisión na que se "insta ao goberno galego a cubrir de xeito permanente e na maior brevidade posíbel a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis".

Nesta proposición, formúlanse varias preguntas. Entre elas: que medidas vai adoptar o Goberno galego para cubrir de xeito permanente e con horario completo a praza de pediatra dos centros de saúde de Moraña e Cuntis? ou, cando ten previsto a Xunta cubrir de maneira permanente esta praza?